Medio Ambiente avanza na negociación dos requisitos para regular o acceso a Ons para os familiares dos concesionarios

A expedición dos documentos que permiten entrar e saír da illa á marxe do cupo avanza a bo ritmo, e os carnés emitidos a día de hoxe ascenden a preto de 100
Por o 28/05/2019 | Sección: Medio Ambiente
Medio Ambiente avanza na negociación dos requisitos para regular o acceso a Ons para os familiares dos concesionarios
Compartir en:

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, reuniuse esta mañá co alcalde de Bueu, Félix Juncal, con membros dos grupos municipais do Concello e con representantes das asociacións veciñais de Ons co fin de avanzar nos criterios e requisitos que seguirá a Administración autonómica á hora de regular o acceso directo á illa para os familiares dos concesionarios.

Con esta xuntanza, que a Consellería de Medio Ambiente decidiu aprazar ata despois das eleccións municipais, retómanse os contactos cos veciños e dáse un paso importante de cara a concretar o sistema de acceso para entrar e saír libremente da illa de Ons, no caso dos familiares dos concesionarios.

Así, a directora xeral de Patrimonio Natural amosouse disposta a analizar as demandas dos concesionarios de Ons para buscar un acordo, pero insistiu unha vez máis en que calquera dereito de acceso deberá respectar, en todo caso, os informes técnicos que sinalan cal é a capacidade máxima que pode soportar este enclave natural, sen que se poñan en perigo os seus valores naturais e ambientais.

Neste sentido, emprazou aos representantes veciñais e do Concello de Bueu a facerlle chegar á Consellería unha proposta por escrito, concreta e detallada, na que especifiquen a que familiares queren estender o dereito de acceso a Ons e cuantifiquen o número de persoas que resultarían beneficiadas pola medida, en caso de que a súa solicitude fose aceptada. Así mesmo, solicitoulle ao Concello de Bueu unha certificación detallada e actualizada do censo de veciños inscritos na illa de Ons.

Pola súa banda, Belén do Campo comprometeuse a analizar o número máximo de persoas que poderían pernoctar en cada unha das vivendas de uso residencial que hai na illa, tendo en conta a súa capacidade habitacional, en resposta a unha das peticións que lle trasladaron os veciños durante a xuntanza.

Os veciños, excluídos do cupo xeral polo PRUX

O Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, en vigor desde febreiro, contempla explicitamente que os veciños das illas que o integran quedan excluídos do cupo límite de visitantes diarios establecido e que se empezou a aplicar en Ons de forma obrigatoria desde hai tres meses; unha excepción que tamén afecta ao persoal que realiza no arquipélago labores de restauración, mantemento, instalación e investigación debidamente autorizadas.

Para todos os concesionarios da illa de Ons, a Xunta está a expedir un carné especial, persoal e intransferible, co fin de garantir o seu acceso libre á illa en calquera momento do ano e con independencia de se xa se superou ese día o cupo de visitantes. Ese distintivo xa se garantiu que se fará extensible tamén aos ascendentes e descendentes do titular da concesión ata cuarto grao, previa solicitude (é dicir, tataranetos e tataravós incluídos).

De feito, a Consellería de Medio Ambiente está a tramitar con axilidade todas as solicitudes que recibe por parte de concesionarios de Ons e dos seus familiares e a día de hoxe hai xa preto de 100 persoas que dispoñen deste distintivo de identificación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.