Medio Ambiente concede a autorización ambiental a Elnosa para que poida iniciar o seu proxecto de reconversión en Pontevedra Escoitar

A empresa terá un prazo máximo dun mes para completar a retirada da totalidade do mercurio almacenado na súa factoría de Lourizán
Publicado por o día 11/12/2017 na sección de Galicia,Medio Ambiente,Pontevedra

Medio Ambiente concede a autorización ambiental a Elnosa para que poida iniciar o seu proxecto de reconversión en Pontevedra Escoitar

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de resolver favorablemente a autorización ambiental integrada (AAI) solicitada por Elnosa en Pontevedra dentro do procedemento de revisión iniciado pola empresa co fin de adaptarse ás esixencias da UE para poder seguir producindo cloro.

Na súa resolución, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio establece as condicións que terá que cumprir Elnosa para o desmantelamento das súas instalacións vinculadas á produción con mercurio, en cumprimento duns estritos parámetros medioambientais. Así, dálle á empresa un prazo dun mes para a retirada da totalidade do mercurio almacenado na instalación de forma que o risco medioambiental verase minimizado de xeito case inmediato. Ademais, a resolución tamén establece as condicións que a empresa deberá ter en conta para a rehabilitación do lugar no que se localiza a planta, incluída a rehabilitación dos solos da instalación.

Segundo o cronograma que presentou a empresa coa solicitude de revisión da AAI, todo este proceso de desmantelamento da tecnoloxía actual das súas instalacións prolongaríase aproximadamente durante un ano. En calquera caso, desde hoxe mesmo o complexo de Lourizán deixará de utilizar celas de mercurio nos seus procesos de fabricación, cumprindo así coa data límite establecida pola Unión Europea para a prohibición do emprego desta tecnoloxía na produción de cloro.

En canto ao mantemento da actividade industrial en Lourizán, contémplase unha primeira fase na que só se fabricará hipoclorito sódico a partir de cloro adquirido a terceiros. Posteriormente, e unha vez reconvertida a instalación á nova tecnoloxía esixida pola UE para este sector, a factoría podería retomar a produción de cloro e derivados na planta de Lourizán.

A directiva comunitaria en materia de emisións industriais sinala a necesidade de pasar a unha produción de cloro-álcali a través dunha tecnoloxía respectuosa co medio denominada de membrana e chamada a substituír o actual sistema de fabricación, baseado no emprego de mercurio.

Desde que a Comisión Europea tomou esta decisión, abriuse un prazo de 4 anos para que os estados membros revisaran todas as autorizacións ambientais integradas concedidas ás instalacións afectadas, entre as que se atopa Elnosa. Polo tanto, a revisión da autorización ambiental integrada da factoría de Lourizán era un imperativo legal co fin de adaptala ás conclusións da UE sobre as mellores tecnoloxías dispoñibles a aplicar no sector do cloro.

En todo caso, cómpre subliñar que a resolución da Consellería de Medio Ambiente sobre a revisión da AAI de Elnosa prodúcese con independencia das licenzas, autorizacións e concesións que legalmente sexan preceptivas para o mantemento da actividade en Lourizán, tal e como establece a normativa en materia de prevención e control integrado da contaminación.