Medio Ambiente considera o sector forestal un gran aliado na loita contra o cambio climático grazas a súa capacidade catalizadora de carbono

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático participa nun proxecto LIFE FOREST CO2 cuxo obxectivo é fomentar a xestión forestal sostible como unha ferramenta para mitigar os posibles efectos do cambio climático | O departamento autonómico está a estudar as oportunidades que este sector ten no mercado voluntario do carbono e os seus sistemas de compensación
Por o 07/03/2017 | Sección: Galicia,Medio Ambiente,Vigo,Xunta de Galicia
Medio Ambiente considera o sector forestal un gran aliado na loita contra o cambio climático grazas a súa capacidade catalizadora de carbono

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático considera que a capacidade catalizadora de emisións de carbono dos sistemas de xestión forestal converten a este sector nun bo aliado na loita contra o cambio climático. Así o confirma un estudo realizado polo departamento autonómico co fin de coñecer as oportunidades do sector forestal no mercado voluntario de carbono e os seus sistemas de compensación.

A Unión Europea atopou nos mercados voluntarios de carbono unha ferramenta homologada ao réxime de comercio de dereitos de emisión (RCDE) da Unión Europea para integrar aos sectores considerados difusos, como son a agricultura, a construción e o transporte, entre outros; en iniciativas para contrarrestar os posibles efectos do proceso de cambio climático. Nestes mercados, empresas e organizacións que na actualidade non están obrigados a limitar as súas emisións de carbono, pero que teñen interese en reducir o seu impacto climático de forma voluntaria, poden adquirir mediante un sistema de compravenda a terceiros, dereitos de emisión ou créditos de CO2 equivalente para certificar o seu compromiso fronte ao cambio climático.

Deste xeito, o potencial catalizador de carbono derivado da explotación forestal e silvicultora habilitaría ao sector como un axente solvente destes mercados voluntarios. Ademais, ambas as dúas accións foron promovidas tras o acordo adoptado no Pacto de París e, polo tanto, a súa posta en práctica validan estas iniciativas como favorecedoras da loita contra o cambio climático.

O estudo e diagnóstico de iniciativas de compensación dispoñibles actualmente no mercado realizouse grazas á participación da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático nun proxecto LIFE FOREST CO2, que persegue o obxectivo de fomentar a actividade forestal e silvicultora sostible como unha ferramenta para mitigar os posibles efectos provocados polo cambio climático.

Por último, cómpre lembrar que a promoción e impulso deste tipo de iniciativas, de escala nacional e rexional ao longo de toda a Unión Europea, contribuirán a garantir a calidade e credibilidade dos créditos de carbono.