Medio Ambiente convoca o 1º concurso fotográfico ‘Entendendo as nubes’

Este concurso ten por obxectivo conmemorar o Día Meteorolóxico Mundial, que nesta edición se centra neste hidrometeoro, que ten sido fonte de inspiración de artistas, poetas e fotógrafos ao longo da historia
Publicado por o día 23/03/2017 na sección de Galicia,Medio Ambiente,Vigo,Xunta de Galicia

Medio Ambiente convoca o 1º concurso fotográfico ‘Entendendo as nubes’

Con motivo do Día Meteorolóxico Mundial, que nesta edición leva por lema Entendendo as nubes, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio convoca o primeiro concurso de fotografía sobre este hidrometeoro, para resaltar a enorme importancia que revisten as nubes para o tempo, o clima e a auga.

A directora xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, María Cruz Ferreira Costa, avanzou esta mañá que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases e a convocatoria deste concurso dirixido a todos os centros de ensino de Galicia (educación infantil, primaria, secundaria e formación profesional), que poderán participar en dúas categorías, organizadas en función das idades.

A directora xeral explicou que cada centro poderá enviar ata un máximo de tres fotografías, das que se valorará a orixinalidade, excepcionalidade e valor artístico das mesmas, que serán obras orixinais e inéditas e non estarán retocadas por ningún programa informático.

Ferreira Costa destacou que a importancia das nubes non só reside no seu atractivo estético, o que as ten convertido en fonte de inspiración de artistas, poetas e fotógrafos, senón tamén no feito de que son unha das principais incógnitas do estudo do cambio climático e teñen un papel decisivo no ciclo da auga e na estrutura da distribución global dos recursos hídricos.

Manifestou que a sociedade é coñecedora de que as nubes son fundamentais para as observacións e predicións do tempo, engadiu que se quere avanzar un paso máis, polo que este tipo de iniciativas axudan a trasladar ao conxunto da sociedade -desde as idades máis temperás- que son un elemento de suma importancia e de como -a través da súa observación- o clima está a cambiar a medida que acumulan na atmosfera máis gases de efecto invernadoiro.

Informe climatolóxico inverno

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático tamén presentou o contido do informe meteorolóxico de inverno 2016-2017, elaborado por Meteogalicia; no que se conclúe que o inverno en Galicia foi cálido e seco.

Segundo os datos recompilados, a temperatura media do inverno foi de 9,1ºC, o que a sitúa en 0,55ºC por riba da anomalía de temperatura media para a serie rexional representativa de Galicia (diferencia entre a temperatura media deste inverno e o valor climático no período 1981-2010), aínda que en menor medida que o inverno anterior, que foi moi cálido cunha anomalía de 1,56ºC.

Analizando a situación por meses, decembro rexistrou unha temperatura media mínima alta no litoral, pero algo máis preto do normal no interior, debido ás fortes xeadas rexistradas nos derradeiros días do mes, con mínimas por debaixo dos -5ºC en puntos de Lugo e Ourense. En relación coas precipitacións, foron moi escasas, tanto nas cantidades (78% inferior á media) como no número de días de chuvia, que se quedaron en xeral entre 3 e 5.

O mes de xaneiro foi máis frío, isto debido en boa medida á chegada dunha masa de aire polar continental na xornada do día 17, o que provocou que durante varios días as mínimas foran extremadamente baixas e con xeadas xeneralizadas, chegando a -14ºC o día 19 en Calvos de Randín e por debaixo de -9ºC en moitos puntos da provincia de Ourense.

Non obstante, tendo en conta as precipitacións pode considerarse un mes seco. As precipitacións acumuladas no mes de xaneiro foron novamente moi escasas, cun 62% inferior á media, e só hai un precedente, o ano 2012 cando foron un 68% inferior. Soamente nos derradeiros días do mes, a partir do día 26, presentouse algunha xornada de chuvia xeneralizada, pero en ningún caso con valores moi elevados que fosen capaces de equilibrar o déficit das semanas anteriores. Por estes rexistros, o primeiro mes de 2017 contrastou co de 2016, que fora moi húmido.

A directora de Calidade Ambiental explicou que febreiro cualificouse como moi cálido, con temperaturas medias elevadas para a época do ano e o mes, cunha media de temperatura +1,3ºC por riba, o que o sitúa como o máis cálido de 2008. Isto debeuse ao paso de sistemas frontais na primeira metade do mes estivo acompañada en xeral por ventos de sur que non deixaban descender os termómetros e tamén ao episodio anticiclónico de mediados do mes, que achegou aire cálido e deixou temperaturas elevadas durante as horas diúrnas.

En relación coas precipitacións, febreiro pode considerarse como moi húmido, con precipitacións en xeral moi por riba da media climatolóxica (+62%), aínda que inferior a febreiro de 2016(+136%). Esta anomalía débese principalmente á acumulación de precipitación durante os primeiros catro días do mes, debido ao paso de borrascas moi preto da costa galega (Jürgen o día 2 e Kurt e Leiv o 3), o que fixo que se acadaran rexistros moi importantes (máis de 100 L/m2 en 24h en zonas da Coruña, Ourense e Pontevedra.

Esta información e o contido do informe climatolóxico inverno 2016-2017 máis ampliado está accesible na web da páxina da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través de Meteogalicia.