Medio Ambiente convoca a orde de axudas para o fomento da caza menor en Galicia

Os titulares de terreos cinexéticos poderán presentar a súa solicitude ata o 3 de marzo e as axudas poderán cubrir o 100% do custo das actuacións, ata un máximo de 10.000 euros para as actuacións de mellor dos hábitats cinexéticos e de 6.000 para a construción de tobeiras artificiais
Publicado por o día 02/02/2021 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

Medio Ambiente convoca a orde de axudas para o fomento da caza menor en Galicia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe a convocatoria de axudas para o fomento da caza menor en Galicia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) fai pública esta mañá a Orde do 14 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para as persoas titulares de terreos cinexéticos ordenados destinadas ao fomento da riqueza e xestión dos recursos cinexéticos, e se convocan para o ano 2021.

Deste xeito, é a primeira vez que o departamento que dirixe Ángeles Vázquez convoca esta liña de incentivos para potenciar a recuperación das poboacións de perdiz rubia e coello de monte. Cómpre lembrar que en novembro a conselleira de Medio Ambiente destacou –na presentación dos orzamentos para o exercicio 21- que unha das novidades das contas do ano 2021 da Dirección Xeral de Patrimonio Natural era a convocatoria destas axudas que levaban sete anos sen convocarse.

O obxecto da orde é o establecemento dun réxime de axudas destinadas tanto aos titulares de terreos cinexéticos ordenados (tecor) de Galicia, como as agrupacións que fagan unha solicitude conxunta, sempre que os terreos cinexéticos sexan lindeiros e se sitúen na mesma provincia.

Así, serán subvencionables as actuacións que teñan por obxectivo a mellora de hábitats cinexéticos, como a roza e trituración mecánica do mato ou o pase de grada, emenda e /ou fertilización, sementeira de cereal e/ou leguminosas. Neste caso, a axuda pode acadar os 10.000 euros; así como aquelas que teñan por finalidade a construción de tobeiras artificiais, que non poderán afectar os hábitats prioritarios e deberán cumprir o establecido no artigo 60.3 da Lei 7/2012, de montes de Galicia. Neste caso a axuda máxima será de 6.000 euros.

Tal e como se recolle na Orde só será admisible una solicitude por tecor, que se presentarán por medios telemáticos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, e o prazo de presentación das solicitudes de axuda rematará o vindeiro 3 de marzo, un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

A superficie cinexética de Galicia comprende máis do 80% do territorio galego, polo que a caza constitúese nunha ferramenta fundamental e necesaria no control das poboacións das especies silvestres para acadar un equilibrio ecolóxico e fundamental no normal desenvolvemento dos ecosistemas naturais. Neste marco, resultan importantes as boas prácticas durante a actividade cinexética, incluída a xestión adecuada dos seus hábitats para o fomento da riqueza cinexética.

A perdiz rubia e o coello de monte son as especies cinexéticas de caza menor tradicionais en Galicia; pero nos últimos anos rexistrouse unha regresión das poboacións. Co fin de garantir a compatibilidade dos usos e actividades humanas coa conservación dos recursos naturais, é necesario intentar harmonizar as actividades tradicionais e económicas coa conservación do patrimonio natural e os aproveitamentos sustentables dos recursos, buscando a implicación do colectivos dos cazadores na conservación e na xestión dos recursos cinexéticos.