Medio Ambiente convoca as axudas para prever os ataques da fauna silvestre en 2021, que inclúen por primeira vez medidas ante o oso

A orde de subvencións saíu publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia e os interesados terán un mes, desde mañá, para poder presentar as súas solicitudes
Publicado por o día 12/01/2021 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de sacar unha nova convocatoria de axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre. A orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia está dotada con 480.000 euros e inclúe tres liñas diferenciadas para prever os ataques causados polo lobo, o xabaril e, por primeira vez este ano, o oso pardo.

As persoas interesadas terán un prazo dun mes, a contar desde mañá, para presentar as súas solicitudes; e en caso de resultar beneficiarias, terán que xustificar ante a Consellería os gastos subvencionables antes do día 9 de outubro.

Tendo en conta o orzamento dispoñible e o resultado das convocatorias anteriores, estímase que grazas a esta nova orde poderán concederse unhas 600 axudas para sufragar os investimentos realizados por titulares de explotacións gandeiras e/ou cultivos agrícolas co obxectivo de evitar ou minimizar os ataques por parte da fauna silvestre.

Cómpre lembrar que este programa enmárcase na aposta realizada pola Xunta nos últimos anos polas medidas preventivas e unha vez constatada a súa efectividade como complemento ás indemnizacións polos danos producidos por estes animais. Así, os 480.000 euros que se reservan en 2021 á orde de axudas de prevención supón un incremento do 37% respecto aos 350.000 euros destinados a esta mesma liña o ano pasado.

Desta contía, 300.000 euros reservaranse para danos causados polo lobo. Concretamente, 200.000 euros serán para a adquisición de cans protectores e defensores do gando, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada, e 100.000 euros para a compra e instalación de valados fixos. Outros 150.000 euros da orde de axudas de prevención irán destinados a tratar de evitar os danos provocados polos xabarís mediante a adopción dalgunha das medidas de protección sinaladas anteriormente.

En todo caso, a principal novidade da convocatoria deste ano é que se inclúe unha partida de 30.000 euros para subvencionar a adquisición de pastores eléctricos co fin de protexer ás explotacións apícolas que se poidan ver afectadas polo oso pardo.

Neste caso, terán preferencia no baremo aplicable aquelas granxas que xa teñan experimentado danos previos e estean situadas nos concellos da zona oseira e a súa área de influencia (é dicir, Baleira, Cervantes, Folgoso do Caurel, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Pobra de Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Rubiá, Samos, Triacastela e Vilamartín de Valdeorras).

En canto á contía das axudas para prevención de danos producidos pola fauna silvestre, calcularanse en función dun baremo fixado na propia orde atendendo a diferentes aspectos. En todo caso, as axudas poderán ser de ata 500 euros por can protector do gando; ata tres pastores eléctricos e 600 euros ou ata oito mallas e 800 euros por explotación; e no caso de valados fixos electrificados, subvencionarase un máximo de dous valados cun importe de ata 1.500 euros cada un, mentres que para os valados fixos con malla gandeira ou cinexética metálica, a axuda cubrirá ata dous valados por un importe máximo de 3.700 euros.

Paquete de axudas ante a fauna silvestre con novidades

A orde de axudas publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia súmase ás outras dúas convocadas onte mesmo para paliar os danos producidos polo lobo sobre o gando e para compensar os danos causados polo xabaril nos cultivos agrícolas.

En total, a Consellería sacará este ano un paquete completo de subvencións para indemnizar ou prever danos provocados pola fauna silvestre integrado por catro programas diferentes, cos que mobilizará 2,63 millóns e agarda poder atender unhas 3.000 solicitudes. Deste xeito, nas próximas semanas convocarase tamén, por primeira vez, unha liña específica para compensar a afectados polos danos do oso, dotada con 60.000 euros.

A Xunta cumpre así co compromiso adquirido co sector agrogandeiro galego e ao igual que nas dúas anualidades anteriores, convocará durante os primeiros meses de 2021 todas as subvencións pensadas para facer fronte á fauna silvestre, cubrindo así os dous períodos críticos do ano como son a sementeira e a recollida do millo.

Cómpre lembrar que desde hai tempo o Goberno galego convoca axudas para paliar e prever os danos ocasionados pola fauna silvestre como un complemento efectivo ás medidas de xestión destas especies. Así, desde o ano 2016 a Xunta mobilizou preto de 6,5 millóns de euros a través das diferentes convocatorias das ordes de axuda en materia de indemnización e prevención de danos ocasionados polo lobo e o xabaril.