Medio Ambiente convoca unha orde de axudas para fomentar a implantación de puntos limpos móbiles nos concellos galegos

É a primeira vez, que o Goberno galego destina unha partida concreta a ese tipo de iniciativas, co obxectivo de favorecer a adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de certos residuos
Publicado por o día 28/12/2018 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

Medio Ambiente convoca unha orde de axudas para fomentar a implantación de puntos limpos móbiles nos concellos galegos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de axudas para fomentar a implantación de puntos limpos móbiles nos concellos galegos. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda articula por primeira vez unha liña de actuación neste sentido, coa finalidade de favorecer e potenciar a axeitada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de residuos urbanos.

Poderán ser beneficiarios as entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lle correspondan en materia de xestión de residuos.

Así, serán subvencionables a adquisición de puntos limpos móbiles que dispoñan de distintos compartimentos para a recollida de residuos e se axusten a algún modelo dos descritos de seguido, como contedores ou caixas metálicas de gran volume, un remolque, camión con caixa e chasis, unha furgoneta adaptada con diferentes contedores ou compartimentos ou outros modelos do mercado, sempre que se xustifique que cumpren os obxectivos deste servizo. Tamén poderán ser obxecto da axudas os materiais, ferramentas TIC e outros gastos necesarios para a citada implantación.

A Consellería opta por financiar este tipo de equipamentos, co ánimo de achegar e reforzar o servizo de recollida prestado na actualidade pola rede de puntos limpos existente na nosa Comunidade Autónoma pero de xeito máis próximo aos cidadáns.

Na actualidade, Galicia conta con 147 puntos limpos (instalacións fixas), que son instalacións cun equipamento axeitado para a recepción, separación selectiva e almacenamento temporal de residuos de orixe doméstica de especiais características. O obxectivo fundamental destas instalacións consiste en poñer a disposición dos cidadáns un espazo para a achega voluntaria de residuos que non poden ser xestionados polos servizos convencionais da recollida de lixo, polo seu tamaño (residuos voluminosos) ou a súa composición (residuos perigosos).

No punto limpo sepáranse os distintos residuos segundo a súa tipoloxía, facilitando o seu tratamento e valorización posterior. Así, evítase que o seu destino final sexan os vertedoiros, a rede de sumidoiros pública ou calquera outro punto de vertido incontrolado, favorecendo a protección e mellora do medio ambiente.

A orde de axudas que se publica hoxe no DG tamén subvencionará o desenvolvemento de proxectos de nova implantación da recollida separada da fracció orgánica dos residuos municipais. O obxectivo é contribuír a acadar os obxectivos impostos polo marco normativo vixente nesta materia, en particular no tocante a garantir que antes do ano 2020 un 50% da materia orgánica xerada sexa destinada a valorización.

Asemade, facilítase ás entidades locais interesadas avanzar no cumprimento do establecido na Directiva de residuos, que promove a recollida separada da fracción orgánica de residuos domésticos desde o 31 de decembro de 2020 para os concellos de máis de 5.000 habitantes e para o resto, antes do 31 de decembro de 2023.

Os investimentos poderán destinarse a adquisición de medios necesarios para a implantación da recollida separada da fracción orgánica dos residuos de competencia municipal (contedores de proximidade ou outro tipo de contedores e equipamentos necesarios para a súa instalación/colocación) que serán identificados pola cidadanía pola súa cor marrón (polo menos a tapa), así como pola rotulación correspondente na que se sinale a fracción do residuo (orgánico) á que van destinados.

Tamén será obxecto desta liña de axudas o establecemento de medios e materiais de apoio e actuacións que contribúan de forma complementaria ao obxecto do proxecto, como a instalación de sistemas de identificación de usuario e control/limitación de acceso aos contedores ou outras ferramentas TIC; caldeiros para o depósito dos restos orgánicos nas vivendas ou puntos de xeración (cociñas, comedores…), bolsas domésticas compostables para a recollida da fracción orgánica e o depósito nos contedores. En ambos casos as actuacións subvencionables deberán ir acompañadas de campañas de difusión e sensibilización que teñan como obxectivo fomentar a participación cidadá nas actividades incluídas nos proxectos presentados polas entidades locais.

O importe desta liña de axudas elévase a máis de 1.860.000 euros.