Medio Ambiente destaca que a actuación preventiva do río Mero será un modelo a seguir polo futuro Observatorio dos Ríos Galegos

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio asinou esta mañá co alcalde de Cambre un convenio de colaboración, polo que se actuará en 16 quilómetros e se procederá a retirada de vexetación en ambas marxes do río
Por o 09/03/2017 | Sección: A Coruña,Galicia,Medio Ambiente,Vigo,Xunta de Galicia
Medio Ambiente destaca que a actuación preventiva do río Mero será un modelo a seguir polo futuro Observatorio dos Ríos Galegos

Con esta actuación trátase de poñer en valor a importancia dos ríos e tamén das rías, polo que no horizonte de 2020 estará concluída toda a planificación do saneamento e a maior parte das infraestruturas estarán executadas ou en servizo.

Cómpre recordar que en 2017 se destinarán case 34 millóns de euros a novas infraestruturas de saneamento e depuración das rías.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou esta mañá que a actuación preventiva que se realizará no río Mero, ao seu paso polo Concello de Cambre, será un modelo a seguir polo futuro Observatorio dos ríos Galegos.

A conselleira de Medio Ambiente e o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, asinaron un convenio de colaboración para mellorar a saúde ambiental do río Mero e a súa contorna, para o que se destinará un orzamento de 40.000 euros. Este río ten un enorme interese ecolóxico pola biodivervisade que proporciona a súa contorna e que conta cun importante patrimonio hidráulico, como as pontes de Cela e Noceiro, os muíños de Galiñeiro e Peiraio, a Fonte da Tella ou o Pozo de Campano.

Grazas a esta actuación, eliminarase a vexetación nos dous lados do río, actuarase en máis de 16 quilómetros lineais, e non todos os traballos se poderán realizar con máquinas, pero tamén a man en zonas de complicado acceso. Tamén se colocarán valos de madeira e estenderanse capas de terra.

Precisamente, este tipo de actuacións son as que se impulsarán dende o primeiro Observatorio dos Ríos Galegos, do que se está a redactar o borrador de decreto polo que se crea, e que terá unha composición disciplinar, con entidades da administración, sociedade civil e institucións do ámbito académico. Neste ámbito, e coa colaboración deste grupo multidisciplinar, realizaranse plans directores para os distintos sistemas de explotación.

Cómpre recordar que o Goberno galego está a facer esforzos para mellorar a situación dos ríos e tamén das rías; polo que nesta lexislatura se completará o saneamento integral das rías. Así, no horizonte 2020 estará concluída toda a planificación do saneamento e a maior parte das infraestruturas estarán executadas ou en servizo.

Isto será unha realidade grazas ao orzamento de 2017 de Augas de Galicia que volve a superar os 100 millóns de euros e dos que case a metade (46,7) destinaranse á planificación e execución de novas infraestruturas hidráulicas e case 34 millóns de euros serán para novas obras de saneamento e depuración nas rías.