Medio ambiente destaca que case un 90% do solo empresarial do polígono da Veigadaña está adxudicado

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presidiu a sinatura de adquisición de 24.000 m2 de superficie neste polígono, onde lembrou que aínda están dispoñibles 11 parcelas, que suman case 50.000 m2, e que todas contan cunha bonificación dun 30%
Publicado por o día 24/09/2019 na sección de Galicia,Mos

Medio ambiente destaca que case un 90% do solo empresarial do polígono da Veigadaña está adxudicado

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá que case un 90% do solo empresarial do Polígono da Veigadaña, no Concello de Mos, xa está adxudicado. Así o adiantou a conselleira durante a visita ás instalacións do viveiro de empresa da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), onde presidiu a sinatura da adquisición 18 parcelas que suman unha superficie de 24.000 m2 de solo empresarial por parte de 11 empresas representadas nesta asociación.

Lembrou que na actualidade están adxudicados 344.757 m2 dos 392.939; polo tanto das 101 parcelas nas que se dividiu, están dispoñibles 11 parcelas que suman 48.182 m2, que se poden adquirir cunha bonificación dun 30%no seu prezo de venta e con superficies de entre os 3.000 e os case 8.00 m2, da parcela máis grande dispoñible. Engadiu que ademais da bonificación, os interesados teñen a posibilidade de adquirir o solo en dereito de superficie, que consiste no pago dun canon anual reducido por metro cadrado.

Estas dúas modalidades de adquisición de solo empresarial puxéronse en marcha en 2016 para facilitar o acceso ao solo empresarial e que ten calado no tecido empresarial galego, pois se vendeu e se adquiriu máis de dous millóns de m2, o que supuxo unha bonificación de 48 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia no caso da compravenda e un aforro de 13,6 millóns de euros para as empresas que optaron pola adxudicación en dereito de superficie.

Salientou que o obxectivo é garantir que as empresas se asenten en Galicia e crean emprego, oportunidades e riqueza aquí; por iso a Xunta traballa xa na avaliación da situación actual e das necesidades do solo empresarial para continuar favorecendo unha efectiva e rendible implantación de empresas como motor económico da Comunidade. Nese sentido, recordou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo traballa na posta en marcha dun Observatorio do solo empresarial, un organismo que concentrará a información e o asesoramento para definir as futuras liñas de actuación da Xunta nesta materia e elaborará un censo de solo.