Medio Ambiente destina 90.000 euros á convocatoria de axudas á conservación, protección e mellora das árbores e formacións do Catálogo de árbores senlleiras para o ano 2021

Publicado por o día 29/12/2020 na sección de Medio Ambiente

Medio Ambiente destina 90.000 euros á convocatoria de axudas á conservación, protección e mellora das árbores e formacións do Catálogo de árbores senlleiras para o ano 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as dúas ordes de axudas pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións senlleiras de Galicia, que contan cun importe total de 90.000 euros: 40.000 euros destinados ás entidades locais e o importe restante, 50.000 euros, ás persoas físicas ou xurídicas, distintas das entidades locais, ou entidades sen personalidade xurídica, propietarias en ambos casos de elementos incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras na data de publicación das ordes de axudas.

As actividades que poden ser obxecto destas liñas de subvencións son a realización de podas, formación e control da copa, a aplicación de tratamentos fitosanitarios, accións encamiñadas á conservación e mellora do entorno, accións de divulgación e sinalización e a realización de estudos. Só se admitirá unha única solicitude por persoa ou entidade solicitante, que deberá presentarse ata o 29 de xaneiro de 2021.

O Catálogo galego de árbores senlleiras é un rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións merecentes de protección en atención ás características excepcionais que as fagan merecentes dunha protección especial.

Configúrase como unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións públicas, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza. De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, este catálogo foi obxecto xa de diversas revisións.

Na actualidade, hai un total de 178 elementos (141 árbores e 37 formacións arbóreas) pertencentes a 80 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias:

Árbores
Formacións
Total
A Coruña
42
12
54
Lugo
32
6
38
Ourense
20
6
26
Pontevedra
47
13
60
Total
141
37
178