Medio Ambiente e Fegamp chaman a aproveitar a tramitación da nova Lei de pesca para unificar e axilizar en todas as concas os permisos para tarefas de conservación nas ribeiras dos ríos

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, citou esta mañá ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García, para analizar o contido do anteproxecto, actualmente en fase de información pública
Publicado por o día 29/05/2019 na sección de Medio Ambiente

Medio Ambiente e Fegamp chaman a aproveitar a tramitación da nova Lei de pesca para unificar e axilizar en todas as concas os permisos para tarefas de conservación nas ribeiras dos ríos

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo para analizar o contido e as principais novidades do anteproxecto da Lei de Pesca Continental, que desde comezos de maio se atopa en período de información pública. Do Campo e García coincidiron en valorar varios aspectos novidosos que introducirá a futura lei, facendo especial fincapé naqueles que terán algún tipo de incidencia sobre a xestión municipal.

Nesta liña, a directora de Patrimonio Natural indicou que co fin de facilitar o bo estado das ribeiras e dos cursos fluviais, o anteproxecto prevé a axilización e a simplificación dos trámites necesarios para a execución de tarefas de mantemento e conservación nestas zonas. Así, explicoulle que os promotores dunha actuación menor, como pode ser a retirada de árbores mortas da ribeira ou da propia canle fluvial, ou a eliminación de entullos e elementos arrastrados polas correntes, xa non precisarán do informe preceptivo por parte da Consellería.

Esta filosofía simplificadora da futura Lei de Pesca Continental foi ben recibida polo presidente da Fegamp, partidario de acelerar a realización destas pequenas actuacións, moi necesarias e que repercuten de forma significativa no estado dos ríos e nos accesos que utilizan os pescadores. No mesmo sentido, Alfredo García defendeu a necesidade de achegar posturas entre as distintas administracións competentes para unificar criterios e procedementos en materia de permisos en todas as concas que discorren por Galicia.

Pesca sen morte e relevo xeracional

Por outra banda, Belén do Campo tamén lle trasladou que un dos principais obxectivos da futura normativa será fomentar e promover a pesca sen morte nos ríos galegos co fin de que coexista co modelo tradicional extractivo. Ademais, esta modalidade pesqueira tamén axudará a atraer ás novas xeracións cara a unha actividade que, tal e como lembrou do Campo, necesita dun claro “relevo xeracional” tendo en conta que a idade media dos pescadores galegos móvese entre os 50 e os 70 anos.

Con este fin, precisamente, a responsable de Patrimonio Natural explicoulle a Alfredo García que o texto prevé varias medidas novidosas para incentivar a incorporación dos mozos ao mundo da pesca deportiva, como a posibilidade de que os nenos de ata 14 anos poidan desenvolver este tipo de actividade sen necesidade de licenza ou a exención do pagamento das taxas para sacala no caso dos pescadores que sexan menores de idade.

Na mesma liña, do Campo referiuse a outra das novidades incluídas na lei: a creación das chamadas escolas de río, co fin de implicar e educar aos máis pequenos na conservación dos ecosistemas acuáticos continentais. Estas escolas enmarcaranse dentro dunha Estratexia galega de Educación Ambiental para fomentar a formación e a participación de pescadores noveis en todo o relacionado co mundo da pesca deportiva.

Pola súa parte, Alfredo García coincidiu na oportunidade de poñer en marcha novas ferramentas que faciliten o relevo xeracional nun sector tan importante e emblemático para a comunidade, e lembrou que a pesca continental é unha actividade que conta con numerosos seguidores e cunha gran tradición en moitos concellos galegos. Neste sentido, incidiu en que a situación dos ríos vese condicionada tamén polas actuais trabas burocráticas para que as administracións competentes en cada caso acometan actuacións na súa contorna, polo que considerou positivo que a futura lei aborde este aspecto e aposte pola axilización dos trámites administrativos.

Cómpre lembrar que a xuntanza co presidente da Fegamp enmárcase dentro da rolda de contactos iniciada este mes pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda co fin de presentar aos diferentes colectivos, organismos públicos e entidades galegas implicados no sector da pesca fluvial os aspectos máis salientables da futura lei, que virá actualizar un marco normativo con máis de 25 anos de vixencia. Ao respecto, García indicou que analizará con detalle o anteproxecto para valorar as posibles achegas da Fegamp a algún punto do seu articulado.

Comentar noticia

Your email address will not be published.