Medio Ambiente e o COAG renovan a súa colaboración na iniciativa educativa ‘Proxecto Terra’ que se estrea este ano en escolas infantís

Entre as actuacións previstas no marco deste proxecto cómpre subliñar a organización en Pontevedra de ‘Ludantia’, a primeira bienal internacional de educación en arquitectura dirixida á infancia e á mocidade
Publicado por o día 02/04/2018 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

Medio Ambiente e o COAG renovan a súa colaboración na iniciativa educativa ‘Proxecto Terra’ que se estrea este ano en escolas infantís

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Antonio Maroño, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para desenvolver o chamado Proxecto Terra, unha iniciativa didáctica que leva 15 anos achegando o mundo da arquitectura e do territorio aos escolares a través de diferentes propostas no eido educativo.

Unha das principais novidades do convenio, financiado con 300.000 euros a través da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (Aplu) e con vixencia ata 2019, é que por primeira vez se incorpora ás escolas de Educación Infantil na oferta das actividades complementarias, entre as que figuran saídas e visitas guiadas co fin de consolidar o respecto pola paisaxe e a arquitectura tamén entre os máis pequenos.

Outros dos retos fixados por Xunta e COAG, como explicou a conselleira de Medio Ambiente, será consolidar este ano a internacionalización do proxecto, convertido xa nun referente como un dos máis ambiciosos programas destas características. Para isto, Beatriz Mato avanzou que Galicia acollerá a primeira edición de Ludantia, unha bienal internacional de educación en arquitectura dirixida á infancia e á mocidade que se desenvolverá en Pontevedra nos meses de maio e xuño. Este evento, precisamente, xorde da experiencia acadada desde a sinatura en 2003 do primeiro convenio do Proxecto Terra, iniciativa na que se levan investidos xa máis de 2,3 millóns de euros.

Ludantia albergará diversas actividades lúdicas, tres exposicións e unha zona fixa chamada Expo Activa, financiada pola Consellería de Medio Ambiente co obxectivo de fomentar a aprendizaxe a través do xogo. “Ningunha comunidade autónoma ou país terá máis representación nesta bienal que Galicia”, subliñou Beatriz Mato, quen engadiu que 18 dos 89 proxectos presentados á fase de concurso de Ludantia son galegos e un dos tres gañadores, tamén.

Así mesmo, en virtude do convenio asinado hoxe continuarase coa formación do profesorado para presentar as actualizacións dos recursos educativos elaborados para as distintas etapas da educación obrigatoria a través de cursos incorporados no Plan Anual de Formación do profesorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Nesta mesma liña, ofrecerase formación específica aos monitores que se encargarán de desenvolver actividades e talleres co alumnado de Educación Infantil e Primaria en colaboración co profesorado do correspondente nivel.

Por outra banda, o novo convenio modifica e axeita a oferta de actividades complementarias orientadas a alumnado de Secundaria, co obxectivo de facilitar a súa integración nos procesos de ensino-aprendizaxe deste nivel educativo.

Por último, tamén se retomará o programa de formación continua da cidadanía impulsado en 2010 co obxectivo de presentar as reflexións multidisciplinares sobre os lugares que habitamos, incidindo nun mellor coñecemento e respecto sobre a ordenación urbanística.

Obxectivos pedagóxicos do proxecto

As actividades previstas no marco do Proxecto Terra contribúen a que os escolares galegos poidan ter un achegamento didáctico á arquitectura e aprendan a identificar esta disciplina como todas aquelas actuacións sobre o territorio realizadas co fin de acadar unhas mellores condicións de vida. “Cando un coñece algo, tamén o respecta”, indicou Beatriz Mato.

O obxectivo común da Xunta e do COAG a través do Proxecto Terra é aportar materiais específicos e actualizados que melloren os agora dispoñibles para o alumnado e o profesorado, ao tempo que os completan con distintos tipos de actividades, como visitas guiadas, intercambios territoriais ou talleres de arquitectura que se ofertarán aos centros para que poidan incorporalos ás súas programacións de actividades complementarias ou extraescolares.

Así mesmo, nesta liña de difusión e divulgación en materia de paisaxe, a conselleira de Medio Ambiente lembrou que o próximo curso estrearase un novo grao interuniversitario de paisaxe galega impartido conxuntamente polas universidades de A Coruña e Santiago.