A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda quere esgotar o 100% do orzamento das axudas ao alugueiro para persoas afectadas pola crise económica da covid-19. Deste xeito, apoiarase no Colexio de Rexistradores da Propiedade para achegar á sociedade galega un orzamento de case 8 millóns de euros, dispoñibles para axudar ás familias galegas.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o decano do Colexio de Rexistradores da Propiedade, Hermes Rego, asinaron un convenio de colaboración para optimizar a xestión e tramitación administrativa das axudas ao alugueiro postas en marcha para paliar os efectos do coronavirus.
Tal e como explicou a conselleira, para acceder a estas axudas, os solicitantes non teñen que ser propietarios ou usufrutuarios da vivenda; polo que o Colexio de Rexistradores -a través do Servizo de Índices- emitirá unha nota de localización, que é a acreditación do cumprimento deste requisito.
Así, esta entidade servirá de canle de acceso á información rexistral, axilizando o procedemento de obtención da mesma por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), accedendo a información telemática e, en consecuencia, aforrando tempo e o pago das taxas correspondentes para a obtención dunha nota simple.
Ángeles Vázquez recordou que o prazo para solicitar estas axudas está aberto ata o 30 de setembro, polo que todas as persoas que visen os seus ingresos reducidos como consecuencia da covid-19 poden solicitalas. As axudas concédense por un prazo máximo de seis meses e un importe máximo de 500 euros ao mes, polo que poden chegar a 3.000 euros e teñen carácter retroactivo, polo que poden aplicarse dende o mes de abril de 2020.
Noticias de última hora en Vigo