Medio Ambiente emite o informe urbanístico e ambiental sobre a ordenación provisional do ámbito de Recaré en Vigo

A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio remitiu esta mañá ao Concello de Vigo os informes elaborados polas direccións xerais de Ordenación do Territorio e de Calidade Ambiental
Por o 18/12/2017 | Sección: Galicia,Vigo
Medio Ambiente emite o informe urbanístico e ambiental sobre a ordenación provisional do ámbito de Recaré en Vigo
Compartir en:

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio emite o informe ambiental e urbanístico sobre a ordenación provisional do ámbito de Recaré (A-7-02), no Concello de Vigo. Tal e como se reflicte no documento enviado, a proposta axústase ao previsto na Lei 2/2017, de xeito que poidan desenvolverse actuacións neste ámbito de Vigo.

A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente vén de enviar ao Concello de Vigo os informes elaborados pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio (informe urbanístico) e pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (informe ambiental), tras a remisión da administración local do Estudo específico da situación derivada da anulación do Plan xeral de ordenación municipal de Vigo 2008 no ámbito A-7-02 (Recaré) e proposta da súa inclusión como ordenación provisional ao abeiro da Lei 2/2017, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.

O ámbito de Recaré, tal e como constaba no PXOM de 2008, é unha zona de solo urbano non consolidado, con uso global terciario, cunha superficie de case 75.000 m2 (74.636) e un índice de edificabilidade bruta de 1.356 m2/m2.

No informe ambiental, indícase que está xustificado o interese xeral no desenvolvemento do ámbito, polo que se permite o establecemento de medidas provisionais de ordenación urbanística por varias razóns:

– trátase dun espazo para o desenvolvemento de actividades económicas, transformación dunha área de solo urbano non consolidado para a execución dunha grande área comercial
– afecta a elementos fundamentais da estrutura xeral e orgánica do territorio, como son dous sistemas viarios: estrada Recaré-A55 e Segade-Estrada Recaré
– presenta un grao de desenvolvemento urbanístico acadado.

O ámbito xa contaba, no planeamento anulado, con ordenación detallada cuns prazos breves para o seu desenvolvemento e non se observan afeccións a espazos naturais protexidos nin hábitats de interese comunitario.

Á vista desta información, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental indica que procede inicialmente a someter as Medidas de ordenación provisional no ámbito de Recaré ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificado.

A nivel urbanístico, indícase que o estudo achegado -pero non asinado por un técnico responsable- xustifica a falta de adecuación do ámbito de Recaré ao PXOU de 1993, que na actualidade rexe en Vigo, en que o mesmo non se adapta ao modelo existente de cidade.

A modo de exemplo, existe unha clara afección a elementos fundamentais da estrutura xeral e orgánica do territorio, o que xustifica establecer medidas de ordenación provisional para o ámbito, pois no caso contrario recobraría vixencia un acceso directo a un viario, hoxe autovía, que non é factible materializar.

En definitiva, a proposta axústase ao previsto na Lei 2/2017 no relativo aos ámbito suxeitos a desenvolvemento, nos termos previstos no artigo 92 da mesma.