Medio Ambiente estudará a posibilidade de colaborar co Concello de Arbo nun proxecto de humanización de rúas

A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse co alcalde Horacio Gil, quen lle trasladou tamén a súa intención de promover a declaración da primeira Área de Rehabilitación Integral (ARI) do municipio que comprendería tres zonas diferentes

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Arbo, Horacio Gil, mantiveron esta tarde unha reunión para analizar diferentes iniciativas de interese municipal en materia urbanística e de rehabilitación de vivendas. Concretamente, o rexedor presentou un proxecto municipal para a humanización dunha rúa localizada entre Vázquez Estévez e a PO-400 coa intención de contar coa colaboración económica da Consellería para levala a cabo.

A Xunta pon a disposición dos concellos varias liñas de axudas para o desenvolvemento de intervencións urbanísticas que, coma esta, buscan potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, mellorar o benestar e a calidade de vida nas vilas galegas. Neste sentido, a conselleira animou ao alcalde a presentar o seu proxecto de humanización e comprometeuse a estudar posibles vías de colaboración económica entre o seu departamento e o goberno municipal para levalo a cabo.

Por outra banda e en materia de vivenda, o alcalde tamén lle trasladou a Ángeles Vázquez a súa intención de conseguir para o municipio a declaración da súa primeira Área de Rehabilitación Integral (ARI), unha figura coa que podería recibir axudas á rehabilitación de inmobles a través das solicitudes de particulares.

Con este fin, recentemente o Concello de Arbo remitiu ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) unha memoria xustificativa sobre a devandita declaración coa finalidade de que os técnicos da Consellería a revisen antes de presentar oficialmente a súa solicitude dunha ARI discontinua, que comprendería tres zonas separadas do termo municipal. Pola súa parte, a conselleira trasladoulle que o IGVS está analizando a documentación presentada.

Na actualidade cómpre lembrar que hai declaradas en Galicia 69 ARIS, ás que se suman outras dúas de carácter supramunicipal que xestiona directamente o IGVS: a ARI dos Camiños de Santiago, que comprende 687 parroquias pertencentes a 126 concellos; e a ARI das Illas Atlánticas, que beneficia a catro municipios.

Calquera concello pode solicitar a declaración dunha nova ARI no seu termo municipal sempre e cando cumpra os requisitos establecidos e que figuran recollidos nunha guía do IGVS na que se fixan tres tipos de áreas de rehabilitación: rurais (concellos de menos de 5.000 habitantes), conxuntos históricos (declarados BIC e con Plan Especial de Protección) ou xerais (outros supostos, pero cun mínimo de 50 vivendas dentro da ARI).

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM