Medio Ambiente financiará con 800.000 euros seis actuacións de conservación e rehabilitación de vivendas en Ponteareas

A conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde Xosé Represas asinaron esta mañá un convenio de colaboración mediante o cal o concello poderá acceder a unha liña de préstamos sen xuros dirixida a municipios de menos de 50.000 habitantes
Publicado por o día 17/10/2018 na sección de Galicia,Ponteareas

Medio Ambiente financiará con 800.000 euros seis actuacións de conservación e rehabilitación de vivendas en Ponteareas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda financiará ao Concello de Ponteareas, a través de préstamos sen xuros, seis actuacións de conservación, rehabilitación e compra de inmobles neste municipio por un importe total de 806.650 euros. O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) achegará os fondos necesarios para executar as obras e o concello pontevedrés comprométese, pola súa parte, a devolverlle as cantidades percibidas no prazo de oito anos.

Así o acordaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, coa sinatura de seis convenios de colaboración que permitirán ao concello acceder ao fondo de cooperación do IGVS para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.

Concretamente, entre as actuacións que se financiarán a través deste fondo en Ponteareas figuran a adquisición dun inmoble na parroquia de Pías para a súa conversión en Casa Cultural, por un importe de 150.000 euros, e a compra de dúas plantas do edificio da Seguridade Social para ofrecer servizos de apoio ao emprego, cun orzamento de 156.364 euros. Así mesmo, a maior das actuacións comprometidas hoxe será a rehabilitación de catro vivendas para atender casos de emerxencia social, á que se destinarán 209.278 euros.

Os outros tres convenios asinados teñen por obxecto executar as obras de acondicionamento do conservatorio de música Reveriano Soutullo, para as cales o IGVS achegará 117.445 euros; e acometer a mellora da eficiencia enerxética da Escola Infantil, cun orzamento de 104.342 euros, e da Biblioteca-Museo, por valor de 69.232 euros.

Actuacións subvencionables

A través deste fondo, posto en marcha en 2017, o Executivo autonómico habilitou unha liña de préstamos sen xuro aos concellos para a realización de diversas obras de rehabilitación de edificacións co compromiso das administración locais de devolver as cantidades percibidas no prazo máximo de oito anos.

O obxectivo principal que se persegue é facilitar que os concellos acometan actuacións de recuperación e posta en valor do seu patrimonio construído co fin de recuperar ámbitos que presentan un estado deficiente de conservación, en aras de mellorar a calidade de vida dos cidadáns, facilitando que podan dispoñer dunha vivenda digna e axeitada.

Así mesmo, os municipios tamén poden acceder a esta liña de financiamento para a adquisición de inmobles singulares ou que resulten de interese para o municipio para acometer a súa posterior rehabilitación.

Outra das finalidades que persegue este fondo é facilitar aos concellos a execución de actuacións subsidiarias de rehabilitación naqueles casos en que os titulares das vivendas desatenden as súas obrigas á hora de manter e conservar en boas condicións as súas propiedades. Nestes caso, a normativa vixente permite aos concellos actuar de forma subsidiaria e despois reclamar aos propietarios o importe das actuacións realizadas, un dereito que moitos concellos non exercen, especialmente os máis pequenos, ao non dispoñer do financiamento necesario para levar a cabo a intervención.

Balance convocatorias 2017 e 2018

O IGVS puxo por primeira vez a disposición dos concellos este fondo de cooperación no ano 2017, cunha dotación inicial de 10 millóns de euros. Con motivo da primeira convocatoria asináronse cinco convenios cos concellos de Parada de Sil, Rubiá, O Barco de Valdeorras, Xunqueira de Ambía, Boiro e Chantada, a través dos cales o IGVS achegou algo máis de 2,4 millóns de euros para a execución de diversas actuacións nestes municipios.

O prazo de presentación de solicitudes na convocatoria deste ano pechouse o pasado 1 de outubro cun total de 11 actuacións presentadas, entre elas, as 6 obxecto dos convenios asinados hoxe entre a conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde Xosé Represas. O Concello de Ponteareas tamén presentou outras dúas solicitudes ao fondo de cooperación de 2018 que, nestes momentos, aínda están a ser tramitadas polo IGVS e pendentes de resolución.