Medio Ambiente iniciará a próxima semana os traballos para a recollida de mostras na zona afectada por lindano no Porriño

Responsables da Dirección Xeral de Calidade Ambiental visitaron hoxe o lugar de Contrasto acompañados dos técnicos que realizarán o traballo de campo
Publicado por o día 20/01/2018 na sección de Galicia,Medio Ambiente,O Porriño

Medio Ambiente iniciará a próxima semana os traballos para a recollida de mostras na zona afectada por lindano no Porriño

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio iniciará a vindeira semana os traballos de prospección e recollida de mostras en Contrasto, a zona afectada por lindano no concello de O Porriño. Así o decidiron hoxe técnicos e responsables da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático durante unha visita sobre o terreo co fin de concretar os puntos onde se vai proceder a realizar as catas.

Os traballos centraranse concretamente en tres camiños do lugar de Contrasto (O Porriño) nos que hai evidencias claras da presenza deste tipo de insecticida. Ao tratarse de camiños municipais, a consellería requiriu a colaboración do concello co fin de coordinar a realización dos traballos, sobre todo polo que respecta á regulación do tráfico e á información adicional da que poida dispoñer sobre a zona.


Durante a visita, técnicos da empresa que se encargará do traballo de campo acompañados por responsables da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, concretaron e marcaron sobre o terreo os puntos de onde se tomarán as mostraxes.

Para poder abrir as gabias das que se extraerán as mostras, o concello de O Porriño porá á disposición da Consellería de Medio Ambiente unha pa escavadora. Posteriormente as mostras recollidas serán analizadas para determinar en que zonas concretas o chan está contaminado e poder calcular así que volume de lindano hai que retirar.

Este traballo en profundidade na zona de Contrasto prolongarase durante aproximadamente unha semana e virá completar o estudo preliminar encargado pola Consellería de Medio Ambiente a unha empresa especializada o pasado setembro. Nesa análise preliminar, constatouse a presenza de lindano nesta zona, polo que agora requírese a realización deste estudo máis profundo para chegar a coñecer con exactitude a localización da substancia, a súa dimensión e ata onde está presente no chan.

Así, a Xunta continúa a dar pasos co obxectivo de que no primeiro trimestre deste ano sexa posible redactar un proxecto que permita retirar o lindano localizado en Contrasto e ordenar o seu posterior tratamento por parte dun xestor autorizado.

Cómpre lembrar que foi en outubro cando se atoparon indicios da presenza de lindano nesta zona durante a realización dunhas obras municipais. Desde o primeiro momento e tendo en conta que este insecticida está prohibido pola Unión Europea desde o ano 2008, o Goberno galego actuou de forma rápida e coordinada co resto de administracións implicadas co obxectivo prioritario de evitar riscos e garantir a saúde dos veciños e veciñas do Porriño.