Medio Ambiente licitará en abril os plans específicos de potencial risco de inundación nos concellos de Vigo, Padron, Carballo e As Pontes

Recorda que o Plan de Xestión de Riscos de Inundación para a demarcación Galicia-Costa establece un programa de medidas ao que se destinarán un orzamento de case 68 millóns de euros, dos cales a Xunta aportará case un 70%
Publicado por o día 24/03/2017 na sección de Galicia,Medio Ambiente,Vigo,Xunta de Galicia

Medio Ambiente licitará en abril os plans específicos de potencial risco de inundación nos concellos de Vigo, Padron, Carballo e As Pontes

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, avanzou esta mañá que no vindeiro mes de abril Augas de Galicia licitará os plans específicos da área de risco potencial de asolagamentos nos concellos de Padrón, Vigo, Carballo e As Pontes para avaliar as incidencias que os ríos Ulla, Lagares, Anllóns e Eume -respectivamente- poden provocar ao seu paso polo termo municipal. A conselleira fixo este anuncio durante a súa intervención na xornada sobre os aspectos clave de risco de asolagamentos, onde engadiu que a redacción destes plans tomará como base e punto de partida os traballos do plan específico de inundación do río Umia, ao seu paso polo Concello de Caldas de Reis.

Tal e como sinalou a conselleira, todos estes plans -a cuxa redacción se destina un importe de 519.000 euros- levarán asociados solucións integrais para os problemas concretos de inundacións de ditas áreas, co fin de prever e preparalas ante episodios de asolagamentos, para protexer estes ámbitos fronte a este tipo de fenómenos e recuperar as zonas afectadas.

Recordou que a Xunta de Galicia aprobou o Plan de Xestión de Risco de Inundacións para a demarcación Galicia-Costa que implicou a superación de distintas fases para a súa elaboración, como a identificación das áreas de risco, a elaboración dos mapas de inundacións e por último, a definición final dun programa de medidas.

Neste sentido, recordou que o orzamento do Plan de Xestión implica mobilizar un importe de case 68 millóns de euros ata o ano 2021, dos cales a Xunta aportará case un 70%, para a posta en marcha de medidas de restauración hidrolóxica-forestal, de intervencións en cauces e áreas propensas a inundacións, programas de mantemento, ou normas de xestión da explotación de embalses que teñan un impacto significativo.

Durante a xornada, a conselleira destacou e puxo en valor o esforzo de colaboración co que se veñen traballando todos os organismos de conca de toda España para harmonizar criterios e avanzar xuntos en cada unha das fases de elaboración deste Plan, que agora continúa cos documentos específicos destes ríos ao seu paso por estes cinco concellos galegos.