Medio Ambiente publicará a próxima semana a orde pola que se regulan as normas da nova tempada de pesca fluvial en Galicia

A conselleira Ángeles Vázquez mantivo esta tarde unha reunión telemática con membros das sociedades de pescadores da provincia de Pontevedra para abordar as normas que rexerán a actividade este ano e a convocatoria de axudas ao sector

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicará a vindeira semana a orde pola que se establecen as normas que rexerán a actividade pesqueira nas augas continentais de Galicia durante este ano. Así llo trasladou esta tarde a conselleira Ángeles Vázquez a unha representación das entidades de pesca da provincia de Pontevedra, coas que mantivo unha reunión telemática.

Cómpre lembrar que este encontro enmárcase dentro da rolda de contactos que decidiu abrir a Xunta coas principais entidades colaboradoras de pesca da comunidade co fin de abordar varios asuntos do seu interese, como a convocatoria por segundo ano consecutivo da liña de axudas dirixida a este sector, a inminente entrada en vigor da Lei de Pesca Continental aprobada en decembro ou a xa mencionada orde de vedas para 2021.

Precisamente, a responsable autonómica trasladoulles o interese do seu departamento por coñecer de primeira man o parecer das entidades de pesca fluvial sobre asuntos que serán determinantes para garantir o correcto desenvolvemento da actividade pesqueira en Galicia a curto e medio prazo, así como para recadar información sobre as particularidades das súas respectivas zonas de influencia.

Neste sentido, Vázquez Mejuto referiuse á orde de axudas dirixida a entidades colaboradoras de pesca que a Xunta volverá convocar este ano e na que, segundo dixo, aínda existe marxe para introducir posibles melloras ou cambios que animen ao sector a presentar as súas solicitudes. A este respecto, lembrou que esta nova convocatoria contará cun orzamento de 80.000 euros que se destinará a financiar tarefas de vixilancia e limpeza nos ríos, ademais de sufragar o desenvolvemento de campañas de divulgación.

Noutra orde de asuntos, a conselleira tamén se referiu á recente aprobación da Lei de Pesca Continental de Galicia, un “fito clave” para o futuro do sector xa que nace co obxectivo de garantir o relevo xeracional entre o colectivo dos pescadores pola vía da formación e da sensibilización dos mozos galegos.

Para cumprir este obxectivo, insistiu na importancia de contar co apoio das entidades colaboradoras de pesca, tanto pola función que exercen como polo seu amplo coñecemento sobre o sector. Por esta razón, Ángeles Vázquez comprometeuse a manter ao longo deste ano unha liña de comunicación aberta e fluída cos seus representantes en toda Galicia.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM