Medio Ambiente reunirase con representantes do tecor de San Fernando – Vicente para fixar as condicións que garantan a práctica da caza con total seguridade para os veciños de Novo Mesoiro

A directora xeral do Patrimonio Natural continuará o vindeiro mércores coas conversas iniciadas pola Xefatura Territorial da Coruña para solucionar esta situación que afecta aos terreos de Novo Mesoiro
Publicado por o día 27/03/2017 na sección de Galicia,Medio Ambiente,Vigo,Xunta de Galicia

Medio Ambiente reunirase con representantes do tecor de San Fernando – Vicente para fixar as condicións que garantan a práctica da caza con total seguridade para os veciños de Novo Mesoiro

A directora xeral do Patrimonio Natural, Ana María Díaz López, manterá unha reunión o vindeiro mércores 29 con representantes do tecor de San Fernando – Vicente para analizar e fixar as novas condicións que garantan a práctica da caza coa total seguridade para os veciños que viven en Novo Mesoiro. Deste xeito, continuaranse coas conversas iniciadas dende a Xefatura territorial da Coruña para lograr un acordo satisfactorio para permita unha modificación do tecor e resolver esta situación.

Medio Ambiente analiza unha posible modificación no estado actual do tecor aos efectos de garantir en todo caso a seguridade dos veciños de Novo Mesoiro, despois de que achegasen un escrito o pasado venres 24 solicitando cambios ao respecto.

Este couto esténdese por terreos de Mesoiro, Feáns e Vío, no concello da Coruña, e están clasificados como de réxime cinexético especial desde o 6 de agosto de 1987, data na que se autoriza a constitución do couto privado de caza “San Fernando – Vicente” C-10.127 sobre unha extensión de 972 hectáreas.

Dende a Consellería de Medio Ambiente recórdase que no artigo 35 da lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia considérase como núcleos de poboación urbanos e rurais, os parques urbanos e periurbanos de recreo, os aeroportos e os lugares de acampada permanente, de xeito que estes terreos son considerados como terreos non cinexéticos.

Esta norma, ademais de prohibir a caza nos terreos non cinexéticos, tamén o prohibe nas zonas próximas aos mesmos, ao clasificar como zona de seguridade os terreos localizados nunha franxa de 100 metros en todas as direccións, tomándose como referencia no caso de núcleos de poboación, as construcións máis exteriores.

Asemade, a propia norma, no seu artigo 42.5, contempla a posibilidade de que calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, poida solicitar á consellería competente en materia de caza, a declaración como zona de seguridade dun determinado espazo no que deban adoptarse medidas precautorias especiais, co obxecto de garantir a integridade física e a axeitada protección das persoas.

Ante o malestar xerado nas últimas semanas, a Consellería vén de comezar conversas cos representantes do couto para iniciar o procedemento de instrución e resolución, de acordo coa norma que sexa de aplicación, para solucionar a situación.