Medio Ambiente somete a consulta pública a ordenación provisional do concello de Vigo

Deste xeito, o departamento autonómico avanza no trámite ambiental das medidas que permitirán o desenvolvemento urbanístico do municipio durante a redacción do novo PXOM
Por o 23/08/2017 | Sección: Galicia,Vigo,Xunta de Galicia
Medio Ambiente somete a consulta pública a ordenación provisional do concello de Vigo
Compartir en:

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio somete a consulta pública a documentación relativa á ordenación provisional do Concello de Vigo. Desta maneira, o departamento autonómico avanza na tramitación ambiental das medidas que permitirán manter a actividade vinculada a determinados ámbitos do planeamento anulado mentres dure a redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal e dar maior seguridade xurídica ás licencias firmes xa concedidas ao abeiro do plan anulado.

Ao tempo que se somete a documentación a consulta pública, e co fin de axilizar os prazos da tramitación ambiental, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ten solicitado os correspondentes informes aos departamentos competentes para que fagan as súas achegas.

A documentación pode consultarse aquí e estará a disposición da cidadanía durante o prazo dun mes. Cómpre sinalar que a Administración autonómica dispón de dous meses para emitir o Informe Ambiental Estratéxico, un prazo que empezou a contar desde a recepción da documentación completa a mediados do mes de agosto.

É importante recordar que a ordenación provisional do Concello de Vigo parte da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de Medidas Fiscais, Administrativas e de Ordenación, que, no seu Título V de “Medidas provisionais de ordenación urbanística”, habilita a tramitación dun procedemento mediante o que ordenar unha tramitación máis breve en prazos, de aplicación para estes casos, sempre e cando xa estea iniciada a redacción do novo PXOM.

Na ordenación presentada, o Concello de Vigo recolle aqueles ámbitos de solo urbano consolidado e de desenvolvemento urbanístico contemplados no PXOM de 2008 que, polas súas características ou singulares circunstancias, son os máis idóneos ou necesarios para establecer as medidas provisionais de ordenación urbanística previstas na Lei 2/2017.

Esta ordenación abrangue a todo o solo urbano consolidado do concello, coa excepción das zonas da trama urbana consolidada nas que se pode asumir a ordenación prevista no PXOU de 1993, e nas que a recuperación da ordenación do PXOM anulado é inviable. Tamén permitirá o desenvolvemento urbanístico dos ámbitos nos que se xustifique a necesidade da súa incorporación en base ao interese xeral -polo seu carácter dotacional ou equipamento público ou privado- e ao seu grao de desenvolvemento urbanístico.