Medio cento de organizacións reclaman a reapertura dos mercados alimentarios de proximidade

Publicado por o día 27/03/2020 na sección de Agricultura e Gandería,Alimentación,Galicia,Sindicato Labrego Galego,Sindicatos

Máis de corenta organizacións galegas de diversos ámbitos veñen de facer público un manifesto no que piden a reapertura dos mercados alimentarios de proximidade como garantes da seguridade alimentaria de Galiza no contexto actual de estado de alarma e emerxencia sanitaria pola pandemia do Covid-19.

Entre os colectivos asinantes podemos atopar unha ampla representación da sociedade galega a través de sindicatos agrarios e obreiros como SLG, Fruga e CIG; organizacións ecoloxistas como Adega, [email protected] da Terra, Greenpeace ou o MEL; unha de decena de entidades investigadoras vinculadas ás universidades de Santiago de Compostela e Vigo; varios centros sociais; ou diversas agrupacións de consumo, labregas, profesionais, etc.

No manifesto reclaman á Consellaría de Medio Rural, en colaboración cos concellos, todos os esforzos posibles para que a partir do 31 de marzo, data ata a que a Xunta prohibiu a celebración de mercados alimentarios de proximidade, volva autorizalos “preocupándose de que dispoñan dos medios materiais e humanos necesarios para organizar e aplicar correctamente todos os protocolos de seguridade a que obriga a orde do 23 de marzo de 2020 sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados”.

De seguido, compartimos con vós o texto íntegro do manifesto e unha listaxe das entidades que asinan que, de seguro, irá medrando nos vindeiros días ao estar aberta á suma de novos apoios a través do seguinte formulario:

EN DEFENSA DOS MERCADOS DE ALIMENTOS DE PROXIMIDADECOMO GARANTES DA SEGURIDADE ALIMENTARIA NO ESTADO DE ALARMA

Nós, os labregos e labregas que damos vida aos mercados de proximidade na Galiza, diante da prohibición de poder exercer a nosa función como fornecedores de alimentos para a sociedade por mor das restricións impostas para enfrontar a pandemia do Covid-19, queremos manifestar:

  • A nosa consternación ao ver como se nos discrimina, unha vez máis, en favor das grandes superficies comerciais, á hora de garantir o acceso en tempo de crise a un ben esencial como a alimentación.

  • A nosa perplexidade, cando constatamos a diferenza de criterios entre administracións, con comunidades autónomas que autorizan expresamente os mercados de proximidade e outras, como a galega, que os prohiben; con concellos que regulan esta venda directa en tempo de crise e outros que a clausuran sen máis.

  • O noso convencemento de que os nosos alimentos e os nosos mercados, aplicando as normas establecidas polas autoridades sanitarias para evitar a transmisión do Covid-19 e o agravamento da pandemia, son máis seguros nas actuais circunstancias por celebrarse ao aire libre ou en espazos amplos como prazas de abastos, por non haber intermediarios entre a produción e o consumo final, por non xerar aglomeracións humanas, e por termos, porque así nolo esixe a normativa, unha mellor e máis completa formación en cuestións hixiénico-sanitarias que a maioría do persoal que traballa en grandes superficies comerciais.

  • A nosa indefensión porque, sendo sector primario, se nos priva de exercer a nosa principal actividade económica sen ningún tipo de compensación ou alternativa que mitigue o grave deterioro financeiro que sufriremos nas vindeiras semanas. Nese sentido, botamos de menos medidas que se poderían impulsar dende as administracións, como a compra pública de alimentos para que os servizos sociais os inclúan na distribución de cestas de alimentos ás familias que os precisen, ou mesmo incorporar os nosos medios e experiencia no reparto domiciliario de cestas de produtos.

  • A nosa impotencia porque a maior parte dos alimentos que producimos son frescos e sans e, polo tanto, neles non empregamos conservantes químicos ou refrixeración para atrasar o seu deterioro, como si fará a agricultura industrial para poder vendelos cando se levanten as restricións.

Por todo iso, pedímoslle á Consellaría de Medio Rural, en colaboración cos concellos, que faga todos os esforzos necesarios para que, a partir do 31 de marzo, volva autorizar os mercados de alimentos de proximidade, preocupándose de que dispoñan dos medios materiais e humanos necesarios para organizar e aplicar correctamente todos os protocolos de seguridade a que obriga a orde do 23 de marzo de 2020 sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados.

Apoian este manifesto:

  • A Eira do Colexio de Educadores e Educadores Sociais de Galicia (CEESG)
  • Amarelante SCG
  • [email protected] da Terra
  • Asociación de Produtoras de Horta de Ribadeo A Sucadoira
  • Asociación Galega de Apicultura (AGA)
  • Asociación Mercado da Terra (Lugo)
  • Asociación Millo Miúdo (Oleiros)
  • Asociación O Xaramelo (Meis)
  • Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega)
  • Asociación Raíces do Lusco
  • Asociación 4ponlas (Pontevedra)
  • CDR Portas Abertas
  • Centro Social A Gentalha do Pichel (Compostela
  • Centro Social Madia Leva (Lugo)
  • Centro Social O Fuscalho
  • Centro social O Quilombo (Pontevedra)
  • Confederación Intersindical Galega (CIG)
  • Enxeñería sen Fronteiras
  • Federación Rural Galega (Fruga)
  • Greenpeace
  • Grupo de Consumo Agrelar (Allariz)
  • Grupo de Consumo Semente (Ourense)
  • Grupo de Consumo Xurumelxs (Ourense)
  • Grupo de Bioeconomía da USC
  • Grupo de investigación en agronomía AGRONOMÍA (USC)
  • Grupo de Investigación en Construción Sustentable para o Medio Rural e Natural COSMERUN (USC)
  • Grupo de Investigación en Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social ECOAGRASOC (USC)
  • Grupo de Investigación Galabra en Estudos Culturais GALABRA (USC)
  • Grupo de Estudios de Historia Empresarial e Sectorial. Pesca, Industria e Comercio GESPIC (USC)
  • Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX HISTAGRA (USC
  • Grupo de Investigación da Agricultura Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia da Universidade de Vigo
  • Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental SEPA-Interea
  • Laboratorio do Territorio LABORATE (USC)
  • Movemento Ecoloxista da Limia (MEL)
  • Nais polo Clima
  • Proxecto Resclima
  • Rede de Consumo O Careón (Melide)
  • Rede para o Decrecemento Eo-Navia Galiza o Bierzo
  • Rede Revolta de Agroecoloxía e Historia
  • Sindicato Labrego Galego (SLG)
  • SPG A Gavela