Medio cento de eurodeputadas/os responden á chamada de Lídia Senra para demandar á CE medidas contra os lumes

52 Deputadas e deputados de cinco grupos políticos europeos apoian á galega nas súas propostas de medidas políticas para revitalizar o rural
Por o 31/10/2017 | Sección: AGE,Política
Medio cento de eurodeputadas/os responden á chamada de Lídia Senra para demandar á CE medidas contra os lumes

Máis de medio cento de deputadas e deputados no Parlamento Europeo integrantes dunha ampla variedade de partidos políticos -GUE/NGL; Verdes-ALE; S&D; ALDE e EPP- subscribiron a iniciativa lanzada pola eurodeputada galega Lídia Senra para demandar ao Comisario de Agricultura, Phil Hogan, e ao de Medio Ambiente, Karmenu Vella, a posta en marcha inmediata de medidas para facer fronte aos cada vez máis numerosos e agresivos incendios forestais.

Na comunicación enviada hoxe a ámbolos dous comisarios, Lídia Senra -representante do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo-  advirte que vagas de lumes como as que afectaron ao noso país na fin de semana do 15 de outubro, así como os provocados nestes últimos meses tamén en Portugal ou Asturias, poderíanse ter evitado cunha xestión política axeitada en lugar de seguir a afondar no abandono do medio rural pechando explotacións agrarias e alimentando unha política forestal desastrosa baseada no monocultivo de piñeiros e eucaliptos ”.

Indo a propostas concretas, as 52 eurodeputadas e eurodeputados que asinan esta carta coinciden con Senra en situar como unha cuestión central acometer unha reforma en profundidade da Política Agraria Común (PAC) baseada na posta en marcha de políticas de revitalización do medio rural: o apoio decidido ao mantemento e instalación de labregas e labregos producindo alimentos en todo o territorio europeo; así como pór fin á forestación das terras agrarias e ao monocultivo do eucalipto  e do piñeiro, e promover e apoiar a recuperación e o valor social dos bosques autóctonos, fonte de riqueza e de biodiversidade, son actuacións políticas concretas que deben ser activadas xa”, detallou a deputada galega incidindo na importancia da prevención.

Asemade, esta chamada de atención da Eurocámara á Comisión Europea (CE) impulsada dende Galiza urxe ao ente comunitario a “actualizar o seu enfoque con respecto aos incendios forestais”,  asumindo a gravidade das consecuencias do quecemento global e desenvolvendo estratexias de prevención e extinción de lumes que teñan en conta o incremento das temperaturas medias e o acusado descenso de choivas que están a dar lugar, entre outras preocupantes consecuencias, á desestacionalización dos incendios forestais.

Nesta denuncia Lídia Senra fixo fincapé tamén na situación de precarización laboral na que se atopan as persoas que teñen que loitar contra o lume, traslandando á Comisión Europea a demanda do sector de avanzar inmediatamente cara o establecemento  de servizos de extinción de incendios “públicos e de calidade, que garantan condicións dignas de traballo e que permitan manter as labouras de prevención e coidado do monte ininterrumpidamente durante todo o ano”.

Como peche desta carta dirixida aos Comisarios de Agricultura e Medioambiente, a eurodeputada galega  chamou a facer unha fonda reflexión dende as institucións europeas sobre os numerosos e agresivos incendios forestais que están a afectar á UE, esta problemática ten un carácter internacional. Cómpre averiguar que intereses hai detrás do lume”, instou.