Medio millar de voluntarios protexerán e conservarán os valores naturais das illas do Parque Nacional de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou esta mañá ‘Un parque para todos’, unha iniciativa que conxuga a integración social e laboral de persoas con diversidade funcional e a xestión medio ambiental para o mantemento dos hábitats naturais
Publicado por o día 22/01/2021 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que ao longo deste ano máis de 500 voluntarios de dúas asociacións sociais protexerán e conservarán os valores naturais das illas do Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas de Galicia.

A Consellería de Medio Ambiente vén de impulsar o programa Un parque para todos, unha iniciativa que suma dúas vertentes: a social e a medioambiental; e grazas á cal se promove a conservación, mantemento e recuperación de zonas de alto valor medio ambiental, como son as illas do único parque nacional en Galicia, e- ao mesmo tempo- se aposta pola integración social de persoas con diversidade funcional (física ou intelectual) na sociedade.

O programa estará coordinado polo Parque Nacional e conta coa implicación e colaboración de dúas entidades, como Asociación BATA (Centro Especial de Emprego) e a Asociación de familias para a integración de persoas con discapacidade intelectual, autismo, dano-cerebral (AMICOS), cos que se impulsará un curso formativo de para que os usuarios poidan realizar traballos de auxiliar de guías ambiental do parque, co fin de informar aos visitantes que se acheguen a este espazo protexido.

Asemade, tamén procederán a erradicación de especies invasoras para a recuperación e conservación de habitas, control da biomasa, traballos de roza e limpeza de camiños, zonas de paso, e mesmo na propia aldea de Sálvora; retirada de lixo nas praias para evitar que danen os ecosistemas e acaben no mar, a instalación de hoteis para insectos e tamén labores de restauración de elementos patrimoniais, como por exemplo, os hórreos da Illa de Sálvora e da aldea.

Grazas ao desenvolvemento destas actividades afianzase o coidado, protección e sensibilización no Parque Nacional-Terrestre das Illas Atlánticas; ao tempo que se impulsa a inclusión, participación e compromiso social de persoas con diversidade funcional; polo que o programa Un parque para todos ten un dobre vertente nun obxectivo común como é a posta en valor, por unha banda do patrimonio natural de Galicia e, por outra, do potencial, posibilidades dun colectivo que suma na sociedade e que son un exemplo a seguir polo seu bo facer, constancia e dedicación.

Salientou que non se trata dunha cuadrilla de traballo, senón que son un equipo concienciado e comprometido, que demostraron unha gran capacidade de traballo e de implicación co coidado do medio ambiente. Nese sentido, recordou que xa se teñen realizado experiencias de colaboración con resultados moi positivos, como actividades no ámbito da xestión de especies alóctonas na Illa de Cortegada, apeando preto de 600 toneladas de eucalipto (para eliminar esta especie progresivamente e facilitar a evolución das masas autóctonas de especies como o laurel (Laurus nobilis) que forma un bosque único nesta illa); ou os traballos de control e erradicación da Flora Exótica Invasora centrados nas Illas de Sálvora, Cortegada e Ons.

Ángeles Vázquez destacou que é unha responsabilidade de todos conservar e protexer a riqueza única que atesoura Galicia, para o cal se fai indispensable a concienciación de toda a sociedade galega no respecto polo medio; e sinalou que o exemplo de implicación dos membros e usuarios de Amicos e Bata son unha mostra da capacidade de transformación e do alto nivel de compromiso que todos podemos a acadar a prol do medio ambiente.