Medio Natural inicia esta semana un plan de execución de podas e reposición de árbores mortas en San Antoniño, Cobián Roffignac, Benito Corbal e Peregrina

As actuacións, que tamén se desenvolverán nas prazas de Barcelos e As Regas, contemplan desmontar os alcorques de lastro de pedra para proceder a retirar raíces e troncos de árbores secas
Publicado por o día 19/01/2020 na sección de Galicia,Pontevedra

Medio Natural inicia esta semana un plan de execución de podas e reposición de árbores mortas en San Antoniño, Cobián Roffignac, Benito Corbal e Peregrina

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, dirixida polo socialista Iván Puentes, porá en marcha esta semana un plan de execución de podas e reposición de árbores mortas nas rúas San Antoniño, Cobián Roffignac, Benito Corbal, Daniel de la Sota e Peregrina, así como nas zonas exteriores das prazas de Barcelos e As Regas. Os traballos de tala de pólas de arboredo urbano serán executados por varias dotacións de operarios do Servizo Municipal de Parques e Xardíns especializados en poda en altura, que empregarán plataformas elevadoras, equipos de seguridade, motoserras, tesoiras e serras.

O edil Iván Puentes explica que entre os obxectivos deste zafarrancho inclúese “a retirada e substitución dalgúns exemplares mortos ou en avanzado estado de deterioro e a eliminación das ramas secas e que presenten problemas, así como daquelas que poden causar molestias en edificacións ou fiestras”. Segundo apunta, as actuacións buscan conservar e mellorar o estado sanitario das árbores “a través dunha óptima aireación das súas copas e da prevención de aparición de enfermidades cunha distribución equilibrada de plantas”.

“Aproveitaranse os traballos para ir inspeccionando a posible presenza de problemas sanitarios por parte de persoal especializado. As podas adaptaranse en intensidade e tipoloxía ás características de cada especie e de cada rúa (tendo en conta aspectos como as distancias ás fachadas), tentando preservar os principais valores paisaxísticos de cada especie, a forma da árbore, a floración, a brotación ou as cores na caída da folla”, sinala o socialista.

Os labores levaranse a cabo minimizando as molestias para a cidadanía e iniciaranse nas pereiras situadas na confluencia de Daniel de la Sota coa rúa Peregrina, para continuar polas sóforas de Benito Corbal, os aligustres de Barcelos e as restantes zonas.

Substitución dunha decena de árbores mortas en San Antoniño

Unha decena de árbores mortas serán repostas en San Antoniño. Os traballos compaxinaranse cos de poda en toda a rúa, coa finalidade de acadar unha recuperación completa no que a arboredo e paisaxe se refire.

Os operarios de Parques e Xardíns desmontarán os alcorques de lastra de pedra existentes, para proceder á retirada das raíces e troncos das árbores secas, sanear o terreo plantar a nova árbore coa achega de terra de boa calidade e repoñer novamente as laxas. Tamén está prevista a limpeza de tódolos alcorques desta rúa.

Tal e como suliña Iván Puentes, “unha vez analizado o estado do arboredo de San Antoniño, apreciouse que a especie existente (ameixeira de xardín) presenta problemas co terreo e mesmo coas condicións de exposición nalgunhas zonas da rúa, polo que se decidiu optar por unha combinación paisaxística cunha nova especie (aligustre variegado), como xa se fixo en outras rúas como Alcalde Hevia, onde conviven dous tipos de árbores de xeito alterno”. Do mesmo xeito, substituiranse varias cerdeiras mortas na rúa Cobián Roffignac.

As árbores serán dun porte axeitado para que poidan ser funcionais nestes espazos dende o momento da súa implantación. Estas plantacións veñen a sumarse a outras reposicións realizadas recentemente pola Concellería de Medio Natural na praza do Hospital Provincial e nas rúas do Gorgullón, Virxe do Camiño, Lepanto e O Rouco, así como ás anunciadas no marco do proxecto de recuperación da Alameda.

Comentar noticia

Your email address will not be published.