Medio Natural sanea unha parcela dos Gafos na zona da Ponte Nova e estuda convertela en área de lecer

A finca, que estaba infestada de silvas, alberga un vello muíño e unha antiga estrutura anexa usada como tinturaría. Analizarase o destino deste último inmoble con Patrimonio e Augas de Galicia
Publicado por o día 05/09/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

Medio Natural sanea unha parcela dos Gafos na zona da Ponte Nova e estuda convertela en área de lecer

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural finalizou esta mañá os traballos de desbroce e limpeza nunha parcela infestada de silveiras na contorna do río dos Gafos, ao seu paso pola rúa da Ponte Nova. Culminada esta actuación, que fora moi demandada polos veciños do barrio, o responsable do departamento municipal, o socialista Iván Puentes, plantéxase agora a posibilidade de “converter esta finca nunha nova área de lecer e esparcemento”.

A parcela alberga un vello muíño e unha antiga estrutura engadida ao mesmo, que, segundo lle transmitiron os propios veciños, era empregada como tinturaría. Tal e como sinala Iván Puentes, o terreo que se limpou, “no que as silvas chegaban ata os dous metros de altura e que se atopaba en moi mal estado”, ten algo máis de 100 metros cadrados de superficie, pero “se lle sumamos esa antiga edificación, contariamos cunha área duns 200 metros cadrados”.

“Estamos estudando con Augas de Galicia e con Patrimonio cal é o verdadeiro valor patrimonial e histórico que tería esa especie de cobertizo. Se carece do mesmo, estudarase derruír unicamente esa estrutura anexa ao muíño e crear un novo espazo de lecer. En caso contrario, manteríase o inmoble e acondicionaríase a finca para desfrute cidadán”, subliña o edil do PSOE.

Trátase da segunda intervención que a Concellería de Medio Natural realiza nas marxes do río dos Gafos ao seu paso pola rúa da Ponte Nova durante as últimas semanas. Recentemente, as brigadas municipais de Parques e Xardíns restauraron 60 metros da pasarela de madeira que discorre por ese treito da senda fluvial cun orzamento de 4.600 euros, retirando as pezas de madeira danadas e podres e substituíndoas por outras novas, tanto no piso como nos valados.

Os traballos remataron coa eliminación de tódalas silveiras, algunhas delas de dous metros de altura.