Medio Rural acorda coa Fegamp os criterios de reparto do Plan Marco de mellora de camiños municipais para 2017

O director xeral de Desenvolvemento Rural reuniuse coa xunta de voceiros da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) co fin de avanzar no deseño e execución deste programa, dotado con case 16 millóns de euros
Por o 28/03/2017 | Sección: Galicia,Santiago,Vigo,Xunta de Galicia
Medio Rural acorda coa Fegamp os criterios de reparto do Plan Marco de mellora de camiños municipais para 2017

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, reuniuse esta mañá co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, e demais membros da xunta de voceiros para avanzar no deseño e execución do Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal para este ano.

A xuntanza de traballo serviu para buscar o máximo consenso posible á hora de establecer os criterios a seguir para a asignación dos fondos que corresponden a cada concello e que atenden a factores como a poboación, superficie, grao de despoboamento, grao de envellecemento e o peso do agro de cada municipio.

Trátase de fixar coa Fegamp –como xa se fixo en anos anteriores– o baremo de reparto dos 16 millóns de euros de fondos propios dos orzamentos da Xunta para esta finalidade. Así, haberá unha achega fixa por municipio de 15.000 euros, aos que se engadirán outros fondos segundo os seus habitantes e entidades de poboación.

Esta asignación corrixirase con diferentes coeficientes, como a superficie de cada termo municipal, a importancia das actividades agrogandeiras e forestais, a evolución demográfica ou o grao de envellecemento. Primaranse, así mesmo, os proxectos de xestión compartida e os procesos de fusión municipal, en aplicación dos criterios aplicables ás subvencións para entidades locais aprobadas no seu día polo Consello da Xunta.

Unha das novidades deste ano será a tramitación por vía electrónica de todo o procedemento. Ademais, a convocatoria das axudas sairá no Diario Oficial de Galicia, de xeito que a data da súa publicación determinará o inicio do prazo para presentar as correspondentes solicitudes. A execución do plan permitiu o ano pasado o arranxo dun total 810 quilómetros de vías públicas en 293 concellos galegos.