Medio Rural aposta pola modernización do agro con 43 proxectos de I+D+i executados durante o 2017

Son as iniciativas nas que participou ou elaborou en solitario o Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal), que logra xa un autofinanciamento do 38%
Por o 21/01/2018 | Sección: Alimentación
Medio Rural aposta pola modernización do agro con 43 proxectos de I+D+i executados durante o 2017

O Instituto Galego da Calidade Alimen-taria (Ingacal), dependente da Consellería do Medio Rural, vén de facer balance da súa actividade ao longo do 2017, ano no que desenvolveu ou participou en 43 proxectos ou actuacións de fomento de I+D+i, organizou 30 campos de ensaio demostrativos para o sector agroalimentario e organizáronse nos distintos centros de investigación 29 xornadas técnicas, obradoiros ou congresos.

Para todas estas actividades dispuxo dun orzamento inicial superior aos 2,7 millóns de euros ao que, nun importante grao, fixo fronte con recursos propios ou captados en convocatorias de proxectos de investigación competitivas. A porcentaxe de auto financiamento do Ingacal é superior ao 38%, un dato destacado que demostra a boa marcha do instituto e lle garante a súa boa saúde financeira. Para chegar a asumir un terzo dos seus gastos, vende os produtos agroalimentarios das fincas experimentais dos centros, realiza analíticas de solos, residuos, bebidas e outros nos seus laboratorios acréditados, presta servizos de I+D+i e de auditoría a empresas e figuras de calidade do sector agrario galego e concurre a convocatorias competitivas de proxectos de I+d+i no ámbito nacional e europeo.

De feito, os ingresos por prestación de servizos a empresas foron de 376.478 euros no ano 2017 e, así mesmo, captáronse máis de 330,00 euros de proxectos europeos a desenvolver nos vindeiros anos. No 67% dos casos os proxectos de investigación foron colaboracións con empresas e axentes do sector agrogandeiro e forestal en resposta a unha demanda da organizacións do sector ou para colaborar na elaboración de novos produtos, procesos ou tecnoloxías.

Temática variada

Dos 43 proxectos ou actuacións de fomento de investigación executados, oito foron financiados polo Instituto Nacional de Investigacións Agrarias (INIA). As temáticas dos proxectos no campo agrogandeiro van desde as enfermidades da cabana ovina e caprina ás iniciativas sobre a viabilidade do sistema silvopastoril porco celta-carballo na Galicia atlántica ou sobre os sistemas de autenticación da orixe do leite. No ámbito forestal inclúense estudos das patoloxías do piñeiro e de medidas para reducir a severidade dos lumes forestais. Tamén foron financiados proxectos para a multiplicación e conservación de variedades de millo e forraxes para o sector agrogandeiro galego.

Ademais, xa se teñen aprobado outros catro proxectos do INIA para combater o nematodo do piñeiro, estratexias de matorralización e fomento da produción animal en áreas de montaña, o control da fasciolisis en rumiantes e o estudo da vulnerabilidade integral de sistemas forestais fronte aos incendios. Tamén se aceptou un proxecto sobre xestión de xurros en explotacións de vacún de leite. En total, captáronse 520.834 euros.

Respecto aos proxectos con empresas e fundacións sen ánimo de lucro do sector agroalimentario realizáronse traballos en 19 convenios de colaboración por un importe de 376.478 euros. Entre eles destaca pola súa importancia o convenio coa empresa Inditex para o desenvolvemento do Plan Forestal de Galicia por importe de 100.000 euros en 2017 do que recentemente asinouse unha renovación.

Iniciativas europeas

Xa no ámbito europeo, pódese mencionar o proxecto Winetwork, integrado no Horizonte 2020 (o programa europeo que financia proxectos de investigación e innovación) e ten que ver coa transferencia de tecnoloxía en enfermidades da madeira do sector vitivinícola. Así mesmo, hai outras dúas iniciativas sobre aproveitamento dos residuos líquidos xerados polas adegas e outra sobre a relación de plans de riscos no ámbito forestal.

No que se refire a novos proxectos europeos de cooperación aprobados no 2017 cabe salientar a aprobación dun proxecto da inciativa Interreg Espacio Atlantico, Dairy4future, centrado na difusión de innovacións para lograr un sector lácteo máis potente.

Ensaios prácticos

Ademais dos estudos de investigación, os centros dependentes do Ingacal desenvolveron ata 30 campos de ensaio de interese para o sector en diferentes lugares de Galicia. A maioría deles (ata 20) foron desenvolvidos polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) en diferentes ámbitos: caracterización e mellora de variedades de tomates, valor agronómico de variedades de millo forraxeiro, control de matogueira e establecemento de pradarías en áreas forestais, estudo de variedades de trigo ou centeo, etc.

Na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) leváronse adiante as seis actuacións que analizaron a idoneidade de portaenxertos para variedades tradicionais, a xeometría de plantación e condución en castes autóctonas galegas, a selección clonal de castes autóctonas, entre outros temas.

No Centro de Investigación Forestal de Lourizán os campos de ensaio centráronse no uso múltiple de sistemas silvopastorais nos montes atlánticos, nos usos e posibilidades das árbores de cerdeira de uso forestal seleccionadas no CIFL e na avaliación de variedades de castiñeiro no oeste ourensán.

Outras actuacións

A todo este traballo conxunto súmanse ata 29 xornadas, obradoiros prácticos e congresos que colaboran no plan de transferencia tecnolóxica, así como multitude de artigos científicos en revistas especializadas e prensa.

Durante o ano 2017 realizáronse 193 auditorías a produtores e envasadores inscritos en figuras de calidade controladas polo Ingacal. Así, nos seus laboratorios fixéronse 19.300 analíticas que deron lugar a 321.320 determinacións. O número de analíticas incrementouse un 45% respecto a 2016.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.