Medio Rural destinará preto de 620.000 euros a 20 concellos ourensáns a través do Plan de infraestruturas rurais

Este programa de axudas ten como obxectivo o arranxo e renovación de todo tipo de infraestruturas no agro
Publicado por o día 05/10/2018 na sección de Galicia,Ourense

Medio Rural destinará preto de 620.000 euros a 20 concellos ourensáns a través do Plan de infraestruturas rurais

A Consellería do Medio Rural destinará este ano preto de 620.000 euros para financiar obras do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) en 20 concellos da provincia de Ourense.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, desprazouse hoxe ata Os Blancos para coñecer o estado das obras desenvolvidas neste municipio con cargo ao PIR de 2017 que contribuirán a mellorar os desprazamentos dos veciños que residen no lugar e incidir así, positivamente, na súa calidade de vida. Na visita estivo acompañada do alcalde deste concello ourensán, José Manuel Castro, e do xefe territorial, Yago Borrajo.

En total, melloráronse o estado de 6 camiños: o que percorre o núcleo rural de Pexeiros; o que une a estrada de Pexeiros a Aguís, dende Nóveas a Nocedo; a pista que vai dende Pexeiros á capela de Guntín e; por último, os camiños que enlazan a estrada OU-1112 co núcleo de Aguís e de Fonte Arcada. O custo destas obras xa executadas ascende a preto de 60.000 euros, subvencionados na súa totalidade pola Xunta.

Díaz Mouteira lembrou que na provincia de Ourense o pasado ano con cargo ao PIR executáronse obras en 24 concellos cun investimento de máis de 1,1 millóns de euros.

Marisol Díaz destacou a importancia destas actuacións, que contribúen ao desenvolvemento do rural galego. A máxima representante da Xunta en Ourense indicou que esta iniciativa ten importantes beneficios sobre os cidadáns, xa que supón o arranxo e renovación de todo tipo de infraestruturas no agro (camiños rurais, pontóns e pontes e instalacións de subministracións, entre outras) que permiten mellorar as condicións de vida da poboación nos núcleos rurais. As actuacións intégranse na estratexia global da Xunta para contribuír á fixación da poboación do rural e facilitar o seu asentamento e dinamización.