Medio Rural destinou 143.000 euros a habilitar zonas de pastoreo en Cualedro para recuperar áreas queimadas e previr lumes

Esta iniciativa enmárcase dentro do plan de pastoreo impulsado pola Xunta e dá resposta tamén a unha das 30 medidas deseñadas tras a vaga de incendios do pasado ano, no que se refire á mellora silvopastoril en extensivo no sur de Galicia
Publicado por o día 26/02/2018 na sección de Xunta de Galicia

Medio Rural destinou 143.000 euros a habilitar zonas de pastoreo en Cualedro para recuperar áreas queimadas e previr lumes

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada polo director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, coñeceu hoxe as intervencións realizadas no concello ourensán de Cualedro para habilitar zonas de pastoreo, co fin de recuperar áreas afectadas por incendios e previr, no futuro, a ocorrencia e expansión dos lumes. Na visita tamén participou o alcalde da localidade, Luciano Rivero.

A realización destes traballos enmárcase no plan de pastoreo impulsado pola Xunta e dá resposta a unha das 30 medidas deseñadas tras a vaga de incendios do pasado ano, no que atinxe, en concreto, á mellora das zonas de pastoreo extensivo no sur de Galicia. Trátase de poñer en valor unha área de monte como pasteiro para que faga de cortalumes, como medida de prevención fronte aos incendios, especialmente aos que poidan entrar na nosa comunidade desde Portugal. No caso concreto de Cualedro, investíronse algo máis de 143.000 euros na instalación de sistemas silvopastorís nos montes veciñais en man común de Lucenza. Así, fíxose un peche perimetral cinexético de 3.480 metros e colocáronse diferentes infraestruturas de apoio ao sistema agroforestal.

Deste xeito, construíronse dous pasos canadenses e, para facilitar o manexo do gando, levantouse un curro ou mangada, cunhas dimensións de 30×10 metros. Levouse a cabo con postes de carballo verticais, unidos por táboas horizontais, con cancelas de tubo metálico. Situáronse, así mesmo, tres bebedoiros para gando vacún e un pequeno galpón que pode servir de refuxio para os animais fronte as inclemencias meteorolóxicas.

A intervención completouse coa mellora e recuperación de pistas existentes e a construción doutra perimetral, con fin tanto de frear o deterioro producido polo lume no que atinxe ao aumento da escorrentía e os procesos erosivos como para facilitar o acceso e facer funcións de cortalumes.

Aproveitamento sustentable

A titular de Medio Rural destacou a importancia destes traballos dentro dunha estratexia de dinamización e aproveitamento sustentable dos espazos rurais, así como para a defensa e prevención dos incendios forestais. Ángeles Vázquez dixo que o principal obxectivo desta iniciativa é a ordenación silvopastoril, racionalizando o aproveitamento do monte e evitando tanto as cargas excesivas ou insuficientes como o seu abandono. Trátase, ademais, dun método eficaz para o control da vexetación arbustiva e, xa que logo, para a prevención dos incendios forestais.

Este plan de pastoreo contempla tanto a realización dunha radiografía da situación dos pastos como da estrutura e distribución do gando no monte e das necesidades en canto a terreos e infraestruturas como peches, mangas de manexo, bebedoiros e outras, tal e como se fixo nesta actuación no municipio de Cualedro.