Medio Rural e o Concello de Xunqueira de Ambía reforzan a colaboración na mellora das infraestruturas rurais

Nos últimos tres anos, a consellería destinou un total de 137.875 euros para mellorar camiños municipais
Publicado por o día 30/08/2018 na sección de Xunta de Galicia

Medio Rural e o Concello de Xunqueira de Ambía reforzan a colaboración na mellora das infraestruturas rurais

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse co alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes, para avanzar en diferentes asuntos relacionados coa mellora do agro neste concello ourensán, así como da calidade de vida dos seus veciños.

A conselleira e o rexedor analizaron a situación actual das infraestruturas rurais, principalmente as vías de comunicación que foron obxecto de actuación por parte do departamento autonómico. Nos últimos tres anos, a consellería destinou un total de 137.875 euros para mellorar camiños en diversas parroquias, así como un viario na zona de reestruturación parcelaria de Bustelo. Ademais, Ángeles Vázquez tomou nota da solicitude do alcalde para arranxar unha serie de camiños no entorno da Lagoa de Antela e a limpeza dos canais de desagüe nos camiños principais.

O Plan marco 2018 está dotado con 16 millóns de euros e ten como obxecto facilitar a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais incluíndo tanto actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. Quedan excluídas, en cambio, as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación.

No caso concreto da provincia de Ourense, os municipios repartiranse case 3,7 millóns de euros para investir no arranxo dos seus camiños. Respecto ao reparto de fondos, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) acordou no seu momento coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) os criterios de distribución cunha base fixa de 15.000 euros por localidade e en base a conceptos como número de habitantes, a superficie, o peso do agro, así como o grao de envellecemento ou despoboamento. Ademais contémplase un incremento do 50% para aqueles concellos fusionados. Os gobernos locais terán un mes a partir de mañá para presentar a súas solicitudes.