Medio Rural entrega 11 vehículos ao servizo de infraestruturas agrarias para mellorar e axilizar o traballo dos técnicos que actúan nas reestruturacións parcelarias

O director xeral Miguel Pérez Dubois entregou esta mañá os vehículos ao persoal dos servizos provinciais
Publicado por o día 20/03/2018 na sección de Xunta de Galicia

Medio Rural entrega 11 vehículos ao servizo de infraestruturas agrarias para mellorar e axilizar o traballo dos técnicos que actúan nas reestruturacións parcelarias

Co fin de mellorar e axilizar o traballo do persoal que actúa nos distintos procesos de reestruturación parcelaria, a Consellería do Medio Rural destinou algo máis de 200.000 euros na compra de 11 vehículos para os técnicos da Subdirección Xeral de Infraestruturas Agrarias, dependente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural. A entrega dos automóbiles foi presidida polo propio director xeral, Miguel Pérez Dubois, quen destacou que este investimento repercutirá de xeito directo na flexibilización dos procesos de reorganización ao permitir incrementar as actuacións por parte destes traballadores.

Desta forma, os servizos provinciais contarán con mellores medios técnicos para que poidan realizar de forma eficiente o seu traballo, que consisten fundamentalmente en supervisar as obras das redes de camiños principais e secundarios e outras actuacións nas zonas de reestruturación parcelaria. Destes 11 vehículos, dous serán cedidos á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para que o persoal do Banco de Terras poidan visitar parcelas e outros técnicos supervisar os proxectos do Plan Marco de camiños rurais, das subvencións a empresas non agrarias e do Programa Leader.

Con esta dotación tamén poderán incrementar o número de visitas ás áreas a traballar para controlar os labores de investigación da propiedade das parcelas iniciais, o replanteo de novos predios de reemprazo e o propio estudo de alegacións ou recursos in situ. Neste senso, o director xeral defendeu que todos estes procesos son fundamentais para o despegue socio-económico do agro galego, posto que permiten o redimensionamento das explotacións facéndoas máis rendibles e abaratando os custes de produción. Ademais, favorecen unha mellora das vías de comunicación e con eles diversifícanse os usos do solo, minorando os predios abandonados.

Plan de actuación no 2018

A Consellería do Medio Rural ten un orzamento previsto para este 2018 de 20 millóns de euros, que destinará aos 128 procesos abertos a día de hoxe. Ademais, tamén se traballará noutras 51 novas zonas de reestruturación parcelaria (13 na provincia da Coruña, 24 na de Lugo, 8 en Ourense e 6 na de Pontevedra).

A situación actual das zonas vivas resúmese en 84 zonas (desas 128) que xa están coas Bases Definitivas firmes ou en fase superior, en 33 delas xa están contratados ou en proceso o Acordo e o replanteo das novas parcelas e executadas ou en execución as obras da rede de camiños. Das outras reestruturacións pendentes, en seis casos estase estudando se se adaptan aos obxectivos previstos na normativa. Os cinco restantes están condicionados polos informes sectoriais para poder desenvolvelos, pero trabállase para poder dar a toma de posesión das novas fincas e rematalas no ano seguinte.