Medio Rural estudará emitir informes favorables excepcionais en favor da caza do xabaril en terreos queimados de Pontevedra para frear a súa expansión

A concentración de amplas zonas sen actividade cinexética no sur pontevedrés, debido aos lumes rexistrados, pode supoñer un importante problema á hora de controlar a poboación de xabarís
Publicado por o día 12/09/2019 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

Medio Rural estudará emitir informes favorables excepcionais en favor da caza do xabaril en terreos queimados de Pontevedra para frear a súa expansión

O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, mantivo onte a mañá unha xuntanza en San Caetano con membros da Federación Galega de Caza en Pontevedra. No encontro analizouse a actual problemática que sofren os agricultores galegos en relación coa proliferación do xabaril.

Neste sentido, a Consellería do Medio Rural comprometeuse a estudar a posibilidade excepcional de emitir informe favorable en determinados casos para que o órgano competente en materia cinexética poida emitir autorización para este tipo de aproveitamentos en terreos queimados.

A Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia establece no seu artigo 44 que os aproveitamentos e a repoboación cinexética en terreos queimados quedan prohibidos durante un período a contar desde a data na que se produza o incendio ata o 31 de decembro posterior en que se cumpran tres anos deste, agás autorización expresa do órgano competente en materia cinexética, logo do informe favorable da Consellería do Medio Rural, a competente en materia forestal.

Consonte a esta norma, o director xeral de Defensa do Monte trasladou aos representantes dos cazadores pontevedreses a súa disposición a informar favorablemente esta cuestión. Explicoulles que se valora esta opción dado que a concentración de amplas zonas sen actividade cinexética no sur desta provincia, debido aos lumes rexistrados, pode supoñer un importante problema á hora de controlar a poboación de xabarís. Esta especie, nos actuais niveis poboacionais, supón unhas perdas moi importantes para as explotacións agropecuarias, engadiu o director xeral.