Medio Rural incrementa case un 17% o orzamento das axudas para a apicultura, ata os 520.000 euros

Estas achegas están destinadas a fomentar a profesionalización do sector, mellorar os sistemas de produción e comercialización, así como a situación sanitaria das colmeas e ofrecer un produto de calidade aos consumidores
Por o 29/03/2017 | Sección: Alimentación,Galicia,Vigo,Xunta de Galicia
Medio Rural incrementa case un 17% o orzamento das axudas para a apicultura, ata os 520.000 euros

A Consellería do Medio Rural destina preto de 520.000 euros -un 16,8% máis con respecto ao exercicio anterior- para as axudas á apicultura, tal e como recolle hoxe a orde que publica o Diario Oficial de Galicia (DOG). Estas achegas están cofinanciadas nun 50% polo FEAGA da Unión Europea, nun 25% polo Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (Mapama) e nun 25% pola Consellería do Medio Rural.

Os posibles beneficiarios son os titulares de explotacións apícolas ou cooperativas dedicadas a esta actividade, organizacións representativas e asociacións de apicultores inscritos no rexistro oficial apícola da Comunidade Autónoma con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016. Os solicitantes, que teñen de prazo un mes para presentar a correspondente solicitude, deberán ser titulares dunha explotación con máis de 50 colmeas (se solicitan para realizar a transhumancia), ter realizada a declaración do censo anual referida ao ano 2016, dispoñer dun seguro de responsabilidade civil e realizar, polo menos, un tratamento ao ano fronte a enfermidade da varroase.

Entre os gastos subvencionables figuran actuacións como a asistencia técnica aos apicultores por parte das agrupacións, mediante a contratación de técnicos e especialistas en materias relacionadas coa produción e a comercialización dos produtos da apicultura, a sanidade apícola e as actuacións de vixilancia e control da vespa velutina. Tamén se apoiará a organización de cursos e xornadas de formación e a elaboración de material de divulgación, a través de folletos, catálogos ou soportes audiovisuais e informáticos.

Así mesmo, con estas achegas fináncianse actuacións de loita fronte ás agresións e enfermidades das colmeas como a varroase, tanto mediante a adquisición de tratamentos contra esta enfermidade como a través da sobrealimentación das colmeas ou a renovación e purificación de ceras e adquisición de fondos sanitarios.

A racionalización da transhumancia recibe tamén apoio, en concreto a adquisición de material para a identificación de colmeas, medios de transporte, manexo e outros útiles e equipamentos necesarios para facilitar este proceso, os sistemas de protección ou vixilancia antirroubo ou de xeolocalización integrados nos cadros das colmeas, así como a mellora e acondicionamento de asentamentos, camiños e carreiros ou a subscrición de seguros de danos propios e responsabilidade civil das colmeas.