Medio Rural iniciará en xullo o pago das indemnizacións aos afectados pola couza guatemalteca da pataca

Recibíronse xa 829 solicitudes de compensación das que 443 xa foron revisadas e comezarán a aboarse nos próximos días
Publicado por o día 22/06/2017 na sección de Alimentación,Galicia,Xunta de Galicia

Medio Rural iniciará en xullo o pago das indemnizacións aos afectados pola couza guatemalteca da pataca

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, anunciou esta mañá na Comisión 7ª que a Consellería do Medio Rural iniciará en xullo o pago de indemnizacións aos afectados pola couza da pataca. En concreto, sinalou que na Coruña xa se recibiron 112 solicitudes de indemnización e 717 en Lugo. En total 829, das que 443 xa foron revisadas e comezarán a aboarse nos próximos días.

Unha vez rematado o proceso de recollida e repasados todos os concellos para asegurar que os afectados puideran entregar os seus tubérculos, Do Campo sinalou que se comezará co proceso indemnizatorio, en función do tipo e dos quilos de pataca entregada, tal e como establece a lei. Así, as patacas de semente pagaranse a 0,70 euros o quilo, a de consumo (pataca vella) a 0,30 euros e a arrincada das zonas infestadas a 0,40 euros o metro cadrado de superficie plantada. O prazo para solicitar as indemnizacións remata o 30 de setembro e a orde de axudas está dotada con 250.000 euros que se incrementaría no caso de que fose necesario para que todos os afectados queden cubertos.

A directora xeral indicou durante a súa intervención que foron declaradas máis de 8.000 parcelas de 6.520 propietarios, ademais de 15 almacéns. En total, nestes case dous meses a consellería recolleu a destruíu preto de 300 toneladas de pataca dos particulares aos que habería que sumar preto de 50 toneladas máis procedente de almacéns.

Sancións 
Do Campo tamén declarou que, unha vez rematado este proceso, será o momento de dar comezo ás inspeccións por parte dos técnicos de Medio Rural para asegurar que ningún agricultor se saltou a lei, poñendo en perigo as medidas de erradicación que están resultando efectivas. No caso de detectar plantacións ilegais estes expóñense ás sancións superiores aos 3.000 euros dado que se trata dunha infracción grave. “No podería ser doutro xeito, pois sería inxusto para aquelas persoas que si cumpriron coa súa responsabilidade e levantaron as súas plantacións demostrando a súa solidariedade co resto de Galicia”, afirmou a directora.

Dende a Consellería do Medio Rural apélase a que os agricultores que aínda non o fixeron notifiquen xa as súas plantacións e, así mesmo, agradécese o traballo de todos aqueles que xa entregaron as patacas co fin de que este insecto non se estenda a zonas produtoras e comercializadoras.

Así mesmo, co obxectivo de continuar co control e completar erradicación da praga, continúase cos controis por estradas por parte da Policía Autonómica e a Garda Civil, así como a instalación de trampas en toda Galicia. “Actualmente temos colocadas 1.010 trampas no territorio, que se revisan cunha periodicidade quincenal nas zonas infestadas e tampón e mensual no resto de Galicia”, sinalou Belén do Campo, lembrado a importante baixada na captura de exemplares, especialmente na provincia da Coruña.

Avances na Mesa da Castaña
Doutra banda, o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, tamén interveu na Comisión 7ª e explicou que a Mesa da Castaña está próxima á súa posta en marcha xa que, tras pasar as consultas e análises no Consello Forestal, agora está á espera do informe do Consello Consultivo.

Fernández-Couto destacou a importancia deste órgano como foro de “intercambio áxil de información” entre todos os representantes da cadea xa que este sector ten especificidades ao compartir un carácter forestal, a través da madeira, e agrícola a través da castaña, unha produción na que Galicia é a principal comunidade autónoma e na que destaca a exportación.