A Xunta ten un forte compromiso coas reestruturacións parcelarias e o obxectivo de dar un salto cuantitativo no que queda de lexislatura. Así, nos últimos anos (de 2009 a 2017) investíronse preto de 92 millóns de euros nas obras e servizos técnicos destes procesos de ordenación territorial.
En concreto, a longo destes anos executáronse 944 contratos tanto de obras como de servizos técnicos por valor de 91,9 millóns. Grazas a este investimento avanzouse na ordenación do territorio ata quedar en 128 zonas activas, as mesmas que se pretenden pechar administrativamente de cara ao final da lexislatura.
Para iso, estase reforzando de xeito importante o orzamento. Destacado foi, por exemplo, o aumento de fondos no ano 2016 e 2017. Coa saída da crise, e con máis disposición orzamentaria decidiuse incrementar esta aposta pola ordenación do rural galego duplicando o orzamento. En concreto, se entre 2009 e 2015 a media de investimento foi de 11,3 millóns de euros, no 2016 dóbrase o presuposto ata os 22,14 millóns. Cifra que se mantivo no presente exercicio con 22,18 millóns.
Beneficios
O goberno galego está comprometido con estes procesos porque está convencido dos seus beneficios, entre eles o de aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os custos de produción das mesmas, polo que incrementa a súa sustentabilidade e competitividade no mercado.
Entre as vantaxes está tamén o feito de que se clarifica e actualiza a titularidade da terra en Galicia e crea unha rede viaria que permite mellorar as comunicacións, non só coas propios predios senón entre poboacións. Á súa vez, este feito facilita tamén a modernización dos medios mecánicos que utilicen estas explotacións.
Por todo iso, as reorganizacións favorecen a diversificación dos usos do solo, a minoración dos predios abandonados, co beneficio que isto supón para a loita contra incendios, e ao despegue das explotacións cara unha produción competitiva que eleve, consecuentemente, o nivel de vida dos profesionais do agro en Galicia. Falamos, polo tanto, de favorecer o asentamento de poboación no rural, obxectivo último desta consellería e de todo o goberno galego.
Noticias de última hora en Vigo