Medio Rural lembra que os baremos para incorporarse ao servizo antiincendios son os establecidos na comisión de persoal da Xunta

O director xeral de Defensa do Monte explicou ademais no Parlamento que os criterios de valoración son os acordados cos representantes dos traballadores
Por o 01/03/2019 | Sección: Medio Ambiente,Sanidad
Medio Rural lembra que os baremos para incorporarse ao servizo antiincendios son os establecidos na comisión de persoal da Xunta

Os baremos establecidos para optar ao Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) son os acordados entre os sindicatos e a Xunta no marco da comisión de persoal da Administración pública galega. Estes criterios quedarán establecidos no correspondente decreto, actualmente en tramitación. Así o indicou o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, esta tarde na Comisión 7ª do Parlamento galego, en resposta a unha pregunta sobre este asunto.

O director xeral advertiu que, polo tanto, “non hai discriminación algunha” entre os colectivos que queiran optar a esas prazas, porque os baremos son os legalmente establecidos para a incorporación de persoal á Xunta, contabilizando a súa experiencia acreditada en postos semellantes, xa sexa en empresas públicas ou noutras administracións, como é o caso dos concellos.

Fernández-Couto sinalou ademais que a reestruturación do Servizo responde á vontade da Consellería do Medio Rural de consolidar un dispositivo público, coordinado baixo un mando único, consonte ás recomendacións da comisión parlamentaria de reforma forestal e, en xeral, coas demandas feitas neste sentido desde diferentes instancias. Aclarou que estas melloras introducíronse xa tras a vaga de lumes de outubro de 2017, antes da creación da comisión de expertos que se encargará de ditaminar posibles cambios, para non dilatar a implantación das medidas necesarias nin condicionalas ás conclusións que poida sacar o grupo de especialistas. O director xeral de Defensa do Monte puntualizou que, en todo caso, a Xunta atenderá as súas recomendacións, para incorporalas nesa re-definición do servizo.

Estes cambios, advertiu, perseguen mellorar a eficacia do servizo e consolidar a súa condición de público, polo que está en proceso a ampliación progresiva do tempo de despregue dos fixos descontinuos para facer fronte á desestacionalización dos lumes. Así, este persoal, contratado inicialmente por tres meses, actuou o pasado ano xa durante catro, neste 2019 farao ao longo de cinco e o vindeiro ano estará operativo seis meses. Ademais, engadiu que os pasos dados permiten dar carácter estrutural a todo o dispositivo propio da Xunta.

Comentar noticia

Your email address will not be published.