Medio Rural mantén o seu compromiso co concello da Lama ao que achegou máis de 116.000 euros para o arranxo de camiños municipais

Esta achega permite mellorar tanto a seguridade viaria como a comunicación entre os veciños
Por o 06/04/2017 | Sección: Vigo,Xunta de Galicia
Medio Rural mantén o seu compromiso co concello da Lama ao que achegou máis de 116.000 euros para o arranxo de camiños municipais

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse co alcalde da Lama, Jorge Canda, para avanzar ao respecto de varias cuestións do municipio, entre elas, o estado dos camiños municipais. Neste sentido, Vázquez fixo fincapé no compromiso que a consellería ten con esta problemática e con fin de colaborar na súa solución achegou 116.399 euros a este concello en 2016.

De feito, Medio Rural dispón dun Plan de emerxencias para a mellora, arranxo e posta en valor dos viarios afectados polas inclemencias do tempo e ao que se destinou en 2016, algo máis de 2,8 millóns de euros. Deste orzamento, 49.994,18 euros foron para A Lama co fin de mellorar o pavimento e así reforzar a seguridade viaria e a comunicación entre os veciños.

Pero ademais, este concello, a través do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias, recibiu outros 66.405 euros. Este plan permitiu arranxar en toda Galicia 810 quilómetros grazas a un investimento total de 16,2 millóns de euros no 2016. Na actualidade, estase a concretar o plan deste ano para o que recentemente acordouse coa Fegamp o baremo de reparto dos 16 millóns de euros de fondos propios da Xunta. Así, haberá unha achega fixa por municipio de 15.000 euros, aos que se engadirán outros fondos segundo os seus habitantes e entidades de poboación.