Medio Rural renova os equipos de protección individual do persoal do servizo de incendios forestais

O orzamento destinado para a subministración destes compoñentes ascende a máis de 1,7 millóns de euros para a compra de material nos anos 2017 e 2018
Por o 12/03/2017 | Sección: Galicia,Medio Ambiente,Vigo,Xunta de Galicia
Medio Rural renova os equipos de protección individual do persoal do servizo de incendios forestais
Compartir en:

A Consellería do Medio Rural comezou a renovación dos equipos de protección individual que empregan os traballadores do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia (SPDCIF). O orzamento destinado para a subministración destes compoñentes -para os anos 2017 e 2018- ascendeu a máis de 1,7 millóns de euros.

O departamento que dirixe Ángeles Vázquez publicou o pasado mes de outubro de 2016 unha resolución, mediante acordo marco, para a subministración de diferentes compoñentes destes equipos de protección. Deste xeito, vaise dotar aos traballadores do SPDCIF de novas botas, traxes, cascos, gafas, luvas e cubrecalugas ou protectores de colo á medida que se vaian solicitando, xa que estes uniformes deben ser renovados cada certo tempo debido ao desgaste que sofren.

A consellería garante así a seguridade do seu persoal e mantén unhas condicións de traballo axeitadas co fin de reforzar un servizo imprescindible para a comunidade galega. Neste senso, cabe lembrar que Medio Rural destina máis de 52 millóns de euros en prevención e extinción de incendios forestais para este ano 2017.

Renovación do parque móbil

Seguindo coa mellora do dispositivo de loita contra os lumes, a principios de ano a consellería renovou tamén o seu parque móbil coa adquisición de 12 novos vehículos todoterreo, equipados cunha cisterna de 4.200 litros e cabina sinxela (con capacidade para 2 persoas) para os distritos forestais.

Estas 12 motobombas sumáronse as 43 xa entregadas ao longo do ano 2016 aos distintos distritos forestais. Se facemos balance desde o ano 2009, a cifra é de 55 motobombas para os distritos e 42 vehículos cedidos para os concellos de Galicia.

A maiores, está aberto un procedemento para o aluguer de 82 vehículos para persoal fixo das brigadas dos distritos con labores de prevención e extinción de incendios por un importe superior aos 250.000 euros.