Medio Rural subvencionou o arranxo de máis de 800 camiños municipais por 16,2 millóns de euros no 2016 a través do Plan marco

A finalidade principal destas actuacións é mellorar a calidade de vida dos habitantes do rural galego a través da adecuación das infraestruturas viarias
Por o 15/03/2017 | Sección: Galicia,Vigo,Xunta de Galicia
Medio Rural subvencionou o arranxo de máis de 800 camiños municipais por 16,2 millóns de euros no 2016 a través do Plan marco

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, trasladouse esta mañá ata o concello coruñés de Cabanas para supervisar os traballos de acondicionamento de varios camiños municipais e aproveitou para destacar que a Xunta subvencionou en 2016 o arranxo de máis de 800 infraestruturas viarias a través do Plan Marco, por un orzamento de 16,2 millóns de euros.

A través deste programa, engadiu a conselleira, arranxáronse 810 quilómetros de vías públicas nun total de 293 concellos. O investimento executado por provincias sitúa á de Lugo á cabeza, con 4,8 millóns de euros investidos, seguida pola Coruña con 4,5 millóns de euros, Ourense con 4 millóns e Pontevedra con 2,8 millóns de euros.

No tocante ao concello de Cabanas, levouse a cabo a mellora dos camiños Relousada, O Salto e A Pedra do Couto, por un montante de 56.744 euros. Os traballos consistiron no rebacheo do asfaltado en 2.423 metros. Ángeles Vázquez, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, subliñou que o acondicionamento destas infraestruturas viarias redunda nunha mellora da calidade de vida dos habitantes da zona e do rural galego en xeral.

As obras do Plan Marco consistiron na ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que facilitan o acceso a dúas ou máis parcelas integrantes de explotacións agrarias. Tamén se favoreceu o acceso a montes veciñais en man común e a parcelas incorporadas ao Banco de Terras.

Plan de emerxencias

Aproveitando a súa visita a este municipio, a titular de Medio Rural interesouse tamén polas obras realizadas dentro do Plan de Emerxencias, o cal contou na pasada anualidade cun orzamento global de algo máis de 2,8 millóns de euros. En concreto, os traballos consistiron no rebacheo e construción de cunetas nos camiños de A Costa, Chamoso, As Modias e o vial de servizo en Fontenova, para os cales se investiron un total de 51.867,38 euros.

As axudas do Plan de Emerxencias están destinadas á mellora, arranxo e posta en valor de camiños municipais e pontes. Os fondos aportados pola Xunta serven para pavimentar, afirmar e mellorar diferentes viais que se viron deteriorados polas condicións climatolóxicas.