Meijón acusa ao PP de mentirlle “a todo o sector industrial da liña da costa”

O deputado e candidato á reelección asegura que os de Casado e Feijóo “saben perfectamente que non se está tramitando ningunha reforma da lei”
Publicado por o día 12/04/2019 na sección de Política,PSOE

Meijón acusa ao PP de mentirlle “a todo o sector industrial da liña da costa”

As candidaturas ao Congreso e ao Senado comezaron esta campaña electoral en Cangas denunciando “as mentiras que o PP está empregando con todo o sector industrial da liña de costa do noso país”. Guillermo Meijón, número dous ao Congreso, asegurou que os conservadores “saben perfectamente que non se está tramitando ningunha reforma da lei” que afecta a este sector económico, de vital relevancia na provincia.

O candidato ao Congreso dos Deputados explicou que o que se está a tramitar é un regulamento de Costas “adaptado ao que di o Tribunal Constitucional” para establecer criterios claro e con seguridade xurídica “porque tal e como o deixaron era potestativo para a administración conceder graciosamente ou non as concesións”.

“Neste momento xa houbo alegacións por parte do sector que se están estudando no ministerio”, sinalou Meijón, afirmando que unha vez estea rematado o primeiro borrador este será enviado ao sector para que poida alegar e poñer “as emendas precisas para chegar a un acordo beneficioso para todas e todos”.

Pola súa banda, Olga Alonso, cabeza de lista ao Congreso, asegurou que Cangas e a provincia “merece que traballemos” para mellorar o emprego, “algo fundamental”. A actual concelleira en Vigo fixo mención á conversa mantida durante o reparto con un matrimonio da vila, que se queixaban de que en 10 anos de goberno de Rajoy “só nos subiron un 0,25%”, recoñecendo o compromiso das e dos socialistas coas pensión, que o goberno de Sánchez subiu nun 1,6%, beneficiando a 8,7 millóns de persoas.

Ademais, nos 10 meses de Goberno socialista aprobouse a subida das pensións mínimas e non contributivas nun 3%, unha medida que chega a 2,3 millóns de pensionistas, e tamén a as de viuvez nun 7%, aumentando a base reguladora ata o 60%. Unha aposta por un Estado de Benestar forte, “ese que defenden as e os socialistas e que co PP perdemos”, asegurou Alonso.

A candidata á alcaldía de Cangas exerceu de anfitrioa neste paseo polo mercado da vila, que celebraba hoxe o Venres de Dolores, festivo local. “Imos traballar para conseguir as condicións apropiadas para o desenvolvemento das empresas, das PEMES e das e dos autónomos” en colaboración coas e cos representantes socialistas nas diferentes institucións. Tamén se comprometeu a conseguir “un tecido de solo industrial que axude a xerar emprego de calidade”.