O Meixoeiro renova os sillóns para os pacientes hospitalizados

Trátase dun total de 340 sillóns, cunhas características ergonómicas que favoreceren a confortabilidade e o descanso dos pacientes
Publicado por o día 19/02/2018 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

O Meixoeiro renova os sillóns para os pacientes hospitalizados

O hospital do Meixoeiro ven de renovar os sillóns dos cuartos das Unidades de Hospitalización. Así, incorporou un total de 340 sillóns, nos que se realizou un investimento de 144.652 euros.

Trátase dun mobiliario cunhas especiais características ergonómicas, que levan respaldo con repousabrazos e repousapés abatibles ata posición horizontal, que favorecen a comodidade e o descanso do paciente. Ademais, dispoñen dun sistema de rodada, con rodas que permiten a súa mobilidade, o que tamén facilita as tarefas do persoal.

Dúas destas cadeiras con brazos son diferentes, están deseñadas para os pacientes con obesidade mórbida, cunha anchura superior para soportar 220 quilogramos de peso.

Con esta medida, a EOXI de Vigo continúa desenvolvendo o primeiro obxectivo da Estratexia XXI, “O paciente é o primeiro”. Baixo este lema englóbanse unha serie de metas, sendo a
primeira, acadar unha Sanidade máis humana. Isto concrétase en diferentes actuacións para humanizar a asistencia, tanto nas infraestruturas -para darlle maior calidez e confortabilidade- como na adopción de medidas organizativas para mellorar o benestar de pacientes e familiares, para que a súa estadía no centro sexa o máis cómoda posible.

En definitiva, tal e como establece o Plan Estratéxico, trátase de humanizar o coidado ao paciente en todo o proceso asistencial, especialmente en situacións críticas e de fraxilidade, contemplando tamén “coidar ao que coida”.