Melania Freire imponse no Ego cunha colección nacida en Esdemga

Grazas á súa proposta titulada ‘Me compré una postal de David Hockney’

En novembro de 2017, Melania Freire presentaba por primeira vez sobre unha pasarela Me compré una postal de David Hockney, a colección que constituía o seu proxecto de fin de estudos en Esdemga e que amosaba por primeira vez ao público en Debut, o desfile no que esta titulación da Facultade de Belas Artes proxecta o traballo dos seus novos egresados e egresadas. Pouco máis dun ano despois, unha versión ampliada da colección que articulou como unha homenaxe a este artista británico serviu a esta deseñadora para facerse co premio Mercedes-Benz Fashion Talent 2019, o galardón que distingue á mellor das coleccións presentadas no Samsung Ego, a pasarela para novos talentos da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid.

“Ter recibido este premio supón para min a constatación do feito de que o traballo e implicación na realización dos proxectos persoais trae sempre consecuencias positivas”, salienta Freire dun galardón que recoñece como “unha gran recompensa a nivel persoal”. Xunto a 404 Studio e Reveligion, Freire foi unha das tres deseñadoras seleccionadas por primeira vez para participar nesta plataforma para novos talentos, na que Anel Yaos, Cherry Massia, MikelColas e Madridmanso, todos estes proxectos con experiencia previa no Ego, tamén optaban ao premio outorgado a Freire e que lle permitirá amosar as súas creacións na Mercedes-Benz Fashion Week de Praga. Nese senso, a titulada en Esdemga recoñece que o feito de que o xurado decidise premiar a súa colección, “ideada para un contexto educativo como foi o proxecto de fin de estudos de Esdemga”, foi algo “marabilloso, unha grande honra”, que á súa vez permite tamén achegar as súas creacións a un público maior, non só no propio Ego, senón tamén, grazas ao premio, na semana da moda de Praga.

Unha plataforma “única”

Grazas a este premio Mercedes-Benz Fashion Talent, que hai dous anos acadaba tamén outra deseñadora formada en Esdemga, Elena Rial, Freire Esdemga convertíase nunha das grandes protagonistas da primeira xornada da Madrid Fashion Week, que este xoves iniciou no Ifema madrileño a súa edición número 69 da man do Samung Ego, que abriu o desfile da firma gañadora da décimo primeira convocatoria do concurso Samsung Ego Innovation Project, LHSY-Studio, e pecharon as propostas de Zuzana Kubickova, deseñadora internacional procedente da Mercedes-Benz Prague Fashion Week.

Horas despois de completar cun premio a súa primeira participación na Fashion Week, Freire pon de relevo que “a visibilidade que se consegue grazas a esta plataforma de promoción é única”. Nese senso, lembra o amplo seguimento “por parte de medios nacionais e internacionais” que ten o evento que ata o martes 29 se desenvolve en Madrid, e que tan deste “o lugar ideal para mostrar aquilo que me representa como creadora”.

Unha “gran pintura apropiacionista”

Xurdida como unha homenaxe a Hockney, Me compré una postal de David Hockney é unha colección que Freire recoñece “constituíu un gran desafío a nivel creativo e persoal”, e na que tomou como inspiración tanto a traxectoria deste artista, considerado un dos nomes de referencia do pop art, como a súa propia visita á retrospectiva dedicada a Hocnkey na Tate Britain de Londres. “É unha homenaxe ao pensamento artístico e ao xeito do comunicalo”, sinala dunha colección inspirada tanto en obras como os cadros de piscinas que Hockney realizou na súa etapa en Los Ángeles na década de 1960 como na propia imaxe persoal do artista, nas súas gabardinas, gravatas e camisas, e que á súa vez formula tamén unha mirada á propia institución museística “e á maneira na que comunica á arte” e a propia experiencia das persoas a que visitan, tomando neste caso como punto de partida os debuxos que realizara no seu día dos e as visitantes a esta exposición. Trátase, engade Freire, dunha “gran pintura apropiacionista”, que presenta nos seus estampados “pequenos anacos pintados a man sobre o tecido” deses cadros de piscinas que se amosan “fragmentados e dispostos en paneis superpostos” nunha colección que, mantendo as ideas e inspiracións do seu proxecto de fin de estudos, foi ampliando nos meses seguintes a Debut, o que lle axudou a contar co maior número de estilismos que require a participación no Ego, recoñece esta deseñadora, que é tamén graduada en Belas Artes e que, tras completar os seus estudos en Esdemga, combinou a súa actividade profesional como deseñadora coa súa participación en exposicións, a súa participación no proxecto de investigación Design, Fashion and Future Lab, do grupo de investigación DX7 da Facultade de Belas Artes, ou a súa colaboración nos departamentos de arte de filmes como Longa noite, de Eloy Enciso ou Aquilo que arde, de Oliver Laxe.

Por outra banda, ademais de Freire, Esdemga tamén se ve representada na Fashion Week Madrid, que se desenvolve ata o 29 de xaneiro no Ifema madrileño, pola titulada Sheila Pazos, unha das 15 deseñadoras seleccionadas para participar no showroom da pasarela, onde a gañadora de Debut 2015 estreou a súa nova coleccióni Cadavre Exqus, desenvolvida a partires da súa selección no Programa de creación de cómic, ilustración e deseño do Injuve.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM