Melloramos a mobilidade peonil na rúa Alexandre Bóveda e contorna

O proxecto inclúe o pavimentado do aparcadoiro do Recinto Feiral e a ampliación da beirarrúa líndante ata dobrar a superficie
Publicado por o día 23/08/2017 na sección de Galicia,Pontevedra

Melloramos a mobilidade peonil na rúa Alexandre Bóveda e contorna

Mellorar dun xeito integral a mobilidade peonil e a accesibilidade na rúa Alexandre Bóveda e contorna. Con este obxectivo o Concello de Pontevedra acometerá, coa chegada do mes de setembro, unha intervención na zona que, entre outras cosas, renovará o aparcamento do recinto feiral e ampliará unha das beirarrúas dobrando o espazo peonil.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez enmarca este proxecto en dúas das liñas de actuación estratéxicas do mandato, por unha banda “atender aqueles espazos e puntos da cidade onde hai unha importante afluencia peonil para mellorar a mobilidade” e por outra “o desenvolvemento dun plan de traballo sistemático e continuado nos centros educativos, tanto na cidade como nas parroquias” de mellora da accesibilidade e seguranza viaria.


Neste espazo conflúen centros educativos (institutos e colexios), o Pazo da Cultura e o Recinto Feiral, a Xefatura da Policía Local e zona de paso cara o campus, as instalacións deportivas da Xunqueira, o espazo de lecer da Illa do Covo… o que fala da grande afluencia de persoas que a diario pasan por alí. Precisamente esta foi unha das razóns que fixeron da rúa Alexandre Bóveda a segunda do concello en ter redutores de velocidade (lombos).

O proxecto dirixido polos servizos técnicos municipais – OTMAIES- inclúe as seguintes actuacións:

  • Pavimentación do aparcadoiro do Recinto Feiral, un dos aparcadoiros disuasorios de Pontevedra e que dun xeito crecente é utilizado (parcial ou totalmente) como escenario exterior de citas e eventos feirais.
  • Arranxo e pavimentación do acceso á Xefatura da Policía Local.
  • Ampliación da beirarrúa pegada ao aparcadoiro, que pasará a ter case 3 metros deancho e que incorporará o actual parterre corrido que a separa do aparcadoiro.
  • Delimitación dun pequena senda peonil no extremo líndante coa avenida de Compostela marcada polo uso das moitas persoas que a cotio pasan por alí camiño do campus,zona escolar ou cara ao pavillón.
  • Renovación de servizos. Nova canalización da auga ao Pazo da Cultura e arranxo do desaugue duns baños do Recinto Feiral.

As obras foron adxudicadas a empresa EC Casas e supoñen un investimento de 241.000 euros.