A Armada rende homenaxe ao contraalmirante Casto Méndez Núñez en Vigo

A Homenaxe celebrarase na Praza de Compostela e a continuación terá lugar a conferencia “Méndez Núñez, un insigne mariño galego” no Edificio de Sesións da Autoridade Portuaria
Publicado por o día 17/09/2019 na sección de Galicia,Vigo

A Armada rende homenaxe ao contraalmirante Casto Méndez Núñez en Vigo

Con motivo do 150 aniversario do falecemento do contraalmirante Casto Méndez Núñez, o venres 20 de setembro a Armada renderá homenaxe a este ilustre mariño galego na Praza de Compostela, onde a 19:00 horas terá lugar un acto militar de Homenaxe aos Caídos, no que se depositará unha coroa na súa estatua da Alameda.

O Acto será presidido polo Almirante Xefe do Arsenal de Ferrol, vicealmirante Antonio Duelo Menor, que estará acompañado polo Portavoz do Concello de Vigo Carlos López Font, e que contará coa participación dunha Compañía de Honras da Escola Naval Militar de Marín, composta por dúas Seccións de Guardiamarinas e a Banda de Música da Escola Naval.

Finalizado o acto militar, convidarase os presentes a asistir á conferencia “Méndez Núñez, un insigne mariño galego”, impartida polo Director do Museo Naval de Ferrol a 20:00 horas no Edificio de Sesións da Autoridade Portuaria, situado no peirao de transatlánticos.

A fragata “Almirante Juan de Borbón” fará escala en Vigo a mañá do venres día 20, e permanecerá atracada no peirao de transatlánticos ata a mañá do sábado 21. O venres día 20 terá lugar unha xornada de portas abertas para todos aqueles que queiran visitar o buque, en horario de 10:30 a 13:00 horas e de 15:30 a 18:30 horas. Con estes actos, a Armada quere render homenaxe a un dos mariños máis brillantes que tivo, destacando polo seu papel na Guerra hispano-suramericana ao mando da escuadra española a bordo da fragata “ Numancia”, coa que completou en 1867 a primeira volta ao mundo dunha fragata blindada e ao que se lle atribúe a famosa frase “máis vale honra sen barcos, que barcos sen honra”.

Anímase á asistencia aos actos, que serán abertos ao público, e no caso da conferencia, ata completar o aforo do auditorio.

Acerca da fragata “Almirante Juan de Borbón”

A fragata “Almirante Juan de Borbón” é a segunda da clase “Alvaro de Bazán” e pertence á 31ª Escuadrilla de Unidades de Superficie, baseada en Ferrol. Foi construída nos estaleiros de NAVANTIA en Ferrol, e entregada á Armada Española no ano 2003.

Desde o punto de vista das súas capacidades militares, as fragatas da clase “Alvaro de Bazán” ( F-100), son uns dos mellores escoltas do mundo, destacando pola súa capacidade antiaérea e como buque de mando.

A fragata “Almirante Juan de Borbón” conta cunha dotación de 194 homes e mulleres, que están distribuídos a bordo por empregos e especialidades de acordo coa función que deben realizar. Por empregos, o buque conta con 21 oficiais, 37 suboficiais, 37 Cabos primeiros, 36 Cabos e 63 Mariñeiros. Todos eles traballan día a día para conseguir o máis alto grao de alistamiento de material e adestramento, co fin de manter unha unidade altamente operativa ao servizo de España e dos españois.

Por especialidades, o buque conta con especialistas en Artillería, Armas Submarinas, Electrónica, Comunicacións, Enerxía e Propulsión, Administración, Aloxamentos, Manobra e Navegación, Sistemas Tácticos, Artillería e Mísiles, Direccións de Tiro, Soar, Mecánica, Electricidade e Hostalería. Existe unha elevada porcentaxe de galegos, aínda que a dotación procede de case todas as zonas de España.

O seu Comandante é o capitán de fragata Gonzalo Leira Neira.