Mercadona denega de forma sistemática o traslado a un traballador por consideralo “un capricho”

A empresa tardou máis de 6 meses en adaptar o posto de traballo ás súas circunstancias médicas
Publicado por o día 13/01/2020 na sección de CIG,Empresas,Sindicatos

Mercadona denega de forma sistemática o traslado a un traballador por consideralo “un capricho”

De forma verbal e por escrito solicitou, o traballador de Mercadona, Hugo Pérez, o traslado de tenda para unha máis próxima ao seu lugar de residencia. Por escrito presentou ademais os informes médicos que confirman que sofre a síndrome de Raynaud, polo que non pode estar exposto ao frío, e solicitou a adaptación do posto de traballo. Porén, transcorrido máis de un ano nin chegou a tramitarse a súa solicitude de traslado, por considerala un “capricho”, tardaron máis de 6 meses en adaptarlle o posto de traballo e, entrementres, destinárono xusto á zona de conxeladores.

Hugo Pérez comezou a traballar en Mercadona en Logroño, no ano 2011. Despois de pasar por varias tendas en Pamplona, cunha valoración impecable, en 2016 conseguiu o traslado a Galiza, nomeadamente á tenda do polígono da Sionlla. Pouco antes de regresar comunicou á empresa que tiña unha enfermidade –síndrome de Rynaud- que desaconsella a súa exposición ao frío.

Esta circunstancia foi comunicada á tenda da Sionlla, pero cando se incorporou, a súa petición de non estar exposto ao frío foi desatendida pola coordinadora, malia a empresa ser coñecedora desta situación. “Pasou 6 meses en conxelados”, denuncia a presidenta do comité provincial de Mercadonas en representación da CIG, María López, “sufrindo un trato degradante por parte da coordinadora e dos encargados da tenda”, afirma o traballador da denuncia presentada perante a Inspección de Traballo.

Hugo López explica que foi logo de moito insistir, dados os problemas de saúde derivados de estar na zona de conxelados, que conseguiu, en xaneiro de 2017, ser trasladado á zona de galletas, cereais, zumes e bolería.

A presión á que se viu sometido desde xaneiro de 2017 até xullo de 2018 derivou nunha baixa médica por trastorno ansioso depresivo que durou até hoxe mesmo, data na que se reincorporou de novo ao traballo por alta decretada polo INSS.

Reincorporación sen traslado

Para acompañalo na súa reincorporación sete delegadas da CIG de Mercadona acompañárono mesmo a recoller os cuadrantes horarios, mentres ás portas da tenda compañeiros e compañeiras de CIG-Servizos concentrábanse para denunciar as presións ás que se viu sometido este traballador e demandar o seu traslado.

E é que desde o momento en que estivo de baixa solicitou, a través da sección sindical e por correo electrónico, o traslado á tenda de Noia, de onde é natural, ou á de Miladoiro, onde vivía. Unha solicitude de traslado que nin foi atendida, nin foi tramitada pola coordinadora que decidiu, de forma unilateral, que se trataba dun capricho.

Durante este período, porén, foron varios os traballadores e traballadoras que si foron trasladados á tenda de Noia, sen que houbera problema algún. O último o martes, malia Hugo Pérez ter feito esa solicitude con anterioridade e malia contar con informes médicos que así o recomendan porque “en Mercadona non se premia o esforzo, senón a submisión”.

Por iso María López, considera que o comportamento das representantes da empresa se deben a que o traballador foi nas listas da CIG ás eleccións sindicais e que detrás da denegación do traslado “o que hai é a intención de minalo para que se vaia gratis da empresa”. Unha situación que as súas compañeiras e compañeiros non están dispostos a admitir, tal e como explica López, e contra a que xa este venres se mobilizaron.