Mercadona despide a unha traballadora en proceso de tratamento para unha inseminación artificial

A empresa alega que “roubou un bogavante”
Publicado por o día 14/02/2020 na sección de CIG,Protestas,Sindicatos

Mercadona despide a unha traballadora en proceso de tratamento para unha inseminación artificial

Delegados/as de Mercadona, compañeiros/as e representantes da CIG-Servizos concentrábanse esta mañá diante da tenda de Mercadona no Centro Comercial Novo Milladoiro para demandar que se recoñeza o despedimento improcedente dunha traballadora.

Segundo explicaban no decurso da concentración, as delegadas da CIG, Silvia Creo e Paula Linares, a compañeira desapedida estaba someténdose a un tratamento de inseminación artificial para poder quedar embarazada. Tratamento que comunicou á coordinadora, porque para levalo a cabo ía ter citas médicas e mesmo tería que faltar días.

Silvia Creo matiza que “estes tratamentos están contemplados no convenio de Mercadona”, aínda que especifica que “o convenio válelles cando lles convén”, porque cando a traballadora comezou a cambiar quendas para poder asistir ás citas médicas atopouse con que “a coordinadora comezou a porlle trabas, malia facer eses cambios para non ter que perder horas de traballo”.

Acusada de roubar un bogavante

Creo sinala que no último día que foi traballar, un sábado pola tarde, había bastante peixe e marisco na peixería e, chegada unha hora, a traballadora procedeu a facer unha baixada de prezo para darlle saída á mercancía. Unha práctica habitual en Mercadona, e que se fai en todas as tendas, para que non haxa que tirar os productos frescos como peixes, carnes ou verduras.

“Como facemos todas, porque nós podemos comprar como calquera cliente, a nosa compañeira mercou un bogavante, que pagou en caixa, e cando rematou a súa quenda levou o marisco para a súa casa”.

Ese mesmo día a traballadora mancou un xeonllo, no centro de traballo, foi ao médico por urxencias e dixéronlle que tiña que coller unha baixa. Porén “antes de coller a baixa foi ao supermercado e falou coa coordinadora, que chamou á médica de Mercadona. Esta díxolle que non fora á mutua e que non collera a baixa, senón os 3 días de repouso que che din que collas para non facer uso da baixa e ela así fixo”.

O xoves seguinte, tras dos 3 días de repouso, como o xeonllo seguía inflamado a traballadora foi ao seu médico de cabeceira, que lle deu a baixa por IT indicando que tiña que ir á mutua, porque era un accidente de traballo. Levouna ao supermercado ese mesmo xoves e o venres pola mañá recibiu a carta de despedimento, na que Mercadona esgrime como única causa o “roubo dun bogavante”.

Diante disto, a CIG-Mercadona asegura que o supermercado está utilizando como disculpa para xustificar un despedimento improcedente a compra do marisco máis baixo de prezo, cando se trata dunha práctica normal en todos os centros e denuncia que detrás, o que se agocha é a intención de desfacerse dunha traballadora que tería que recorrer a cambios de horarios e baixas laborais para someterse ao tratamento de inseminación artificial.

Explican que o despedimento xa está denunciado mais claman contra o proceder de Mercadona contra unha traballadora que nos 11 anos que levaba traballando para esta cadea de supermercados nunca tivo a máis mínima queixa ou acta de reprimenda e que “o único que quería era ser nai”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.