Merlo branco. Homenaxe a Tiburcio Angosto

Esta semana coñeciamos a triste noticia do falecemento de Tiburcio Angosto, médico psiquiatra, divulgador e toda unha eminencia da medicina en Galicia.

Tiburcio foi pioneiro en traballar por unha corrente psiquiátrica centrada na empatía, o humanismo e a investigación rigorosa, desde o inicio da súa carreira rompeu moldes traballando cos temas máis polémicos da súa época, como o manter unha ardua batalla por pechar as antigas institucións mentais con funcionamento de ” manicomio” que consideraba aos seus internos “tolos”, e enfocar a saúde mental desde unha perspectiva moito máis progresista e moderna, tentando que a vida diaria destas persoas fose o máis normalizada posible.

Viviu desde a responsabilidade a época do Rebullón e foi un actor crave na súa transición de métodos, ademais de atopar sempre un lugar na súa axenda para colaborar con diversos colectivos, asociacións, fundacións, xa fose para impartir charlas, documentar, prestar axuda informativa, facer labor pedagóxica ou atender casos graves de persoas con escasos recursos, desde o altruísmo.

A profesión de Tiburcio era absolutamente vocacional e así se reflectiu no seu ronsel intelectual e no seu traballo do día a día; a súa humildade, as súas ganas de aprender e a súa sensibilidade polas desfavorecidas facíano unha persoa única e moi respectada no seu campo.

Igualmente, pelexou pola emancipación das persoas con problemáticas mentais severas para que o intervencionismo nas súas situacións tivese o menor impacto, para deconstruir o estigma que conlevaban e aínda conlevan este tipo de patoloxías, que a psiquiatría moderna empeza a considerar en certos casos, simples trazos de conduta asimilables pola sociedade en colectivo se hai unha terapia consistente detrás.

Tiburcio era unha persoa incansable que se movía nunha contorna complexa que sería capaz de desanimar ao máis motivado; con todo, aos seus setenta anos continuaba traballando por derrubar clichés, dar pasos adiante e facer un importante labor socioeducativa.

O seu traballo é un referente intelectual, pero o seu legado é sobre todo humano, xa que sempre viviu afastado de todo elitismo ou grandilocuencia.

Desde a súa brillantez non deixaba de comportarse, en todo momento, como un dos nosos.

Hoxe despedímonos con agarimo, respecto e gratitude eterna

Veciña de Coia. Coportavoz do foro socioeducativo Os Ninguéns, espazo (inspirado en Galeano) de loita contra a exclusión e a pobreza severa na contorna de Vigo. Formada en tratamento de drogodependencias, mediación educativa, VIH-SIDA, traballo social en centros penitenciarios, orientación laboral e pedagoxía didáctica. Licenciada en dereito económico.

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario