A Mesa da auga volverase reunir para completar o primeiro informe técnico

Logo de lelo durante cinco horas, os redactores incorporarán as achegas da Mesa feitas por técnicos municipais e os grupos municipais
Publicado por o día 16/02/2018 na sección de Galicia,Pontevedra

A Mesa da auga volverase reunir para completar o primeiro informe técnico

O concelleiro de Economía e Facenda, e presidente da Mesa de Contratación do Concello, Raimundo González, agradeceu esta tarde, ao remate da reunión da Mesa de contratación para a xestión do servizo público de abastecemento de auga e saneamento de Pontevedra, a actitude construtiva dos grupos da oposición municipal presentes nesta mesa e as contribucións que fixeron para ampliar ou aclarar o informe técnico estudado durante cinco horas.

Explicou que os técnicos municipais e as organizacións políticas foron lendo todo o informe (de aí que se demorase tanto a mesa), e facendo valoracións e matizacións.

Logo destas incorporacións, os técnicos municipais quedaron en introducilas no informe, e volver a reunir a Mesa de Contratación a semana que vén ou a seguinte, para, a continuación, abrir o sobre c coa oferta económica e as melloras dos licitadores. Raimundo González aclarou que “todas as organizacións políticas contribuíron a mellorar  informe”.

Tamén quixo aclarar que os pregos do concurso do abastecemento “foron aprobados e pasaron por todas as dependencias municipais -logo dun proceso moi longo de xestación- sen que fosen recorridos por ningún licitador, ningunha asociación de empresas, nin ningún grupo político”. E incluso aclarou que outros concellos están solicitando os pregos para sacar os seus propios concursos de abastecemento.

Asegurou que “ningún grupo político solicitou a paralización de nada” durante a celebración da Mesa desta mañá. “De feito, contribuíron a que se poida mellorar ou ampliar o informe”, aclarou. E afirmou que “non existe motivo para esa paralización e sería unha gamberrada para as empresas e tamén para os veciños de Pontevedra xa que falta a oferta económica de melloras co que pretendemos que se remate o saneamento de todo o concello”.

As previsións municipais son reunir a mesa en canto estea completo o informe e abrir a oferta económica, de tal xeito que “si non é neste mes, no mes que vén debera estar adxudicado o novo contrato para que unha nova empresa inicie a prestación do servizo”.

Tamén aclarou que se é preciso volver a facer unha nova prórroga do contrato actual mentres non remata o proceso de adxudicación, farase.