Miguel Anxo Fernán Vello: “En Marea loitará polo rural pois non imos permitir que Galicia se converta nun gran deserto verde”

Publicado por o día 08/12/2015 na sección de En Marea,Galicia,Lugo,Política

Miguel Anxo Fernán Vello: “En Marea loitará polo rural pois non imos permitir que Galicia se converta nun gran deserto verde”

O cabeza de lista de En Marea por Lugo xunto con José Manuel Pérez Afonso (número 3), e o coordinador nacional de Anova In e portavoz de Alternativa Galega de Esquerda, Xosé Manuel Beiras, ofreceron un mitin esta tarde na Casa da Cultura de Monforte de Lemos

En Marea reivindicou hoxe en Monforte de Lemos a necesidade de loitar polo rural galego para impedir que “convertan a Galicia nun gran deserto verde”. O cabeza de lista de En Marea por Lugo xunto con José Manuel Pérez Afonso (número 3), e o coordinador nacional de Anova In e portavoz de Alternativa Galega de Esquerda, Xosé Manuel Beiras, ofreceron un mitin esta tarde na Casa da Cultura de Monforte de Lemos onde o aforo quedou superado unha vez máis.

O número 3 da candidatura por Lugo, José Manuel Pérez Afonso, o primeiro en intervir, destacou que En Marea está “por riba de siglas, de egos e personalismos, xa que En Marea representa á xente”. Lembrou na súa intervención o ano e medio emigrado en Irlanda durante a cal pensaba nas palabras de Castelao cando dicía “os galegos non protestan, emigran”. “Pois iso acabouse, estamos cansos de ver como nos rouban e non pasa nada. En Galicia imos quedarnos e tomar as institucións. E non precisamos elites, o cambio é de todos e todas” afirmou. Así mesmo, arremeteu contra esa falsa recuperación que queren que creamos porque “é campaña electoral, e agora todo o que prometen é bonito”. “Quero pedirvos que o 20D non permitades que ninguén vos dea leccións, e menos aqueles que nos impiden ter acceso á xustiza e que están a permitir que morran mulleres”.

O coordinador nacional de Anova In e portavoz de Alternativa Galega de Esquerda, Xosé Manuel Beiras, na súa intervención afirmou que “non estamos nunha crise, estamos nunha gran depresión coma nos anos 30, por iso hai fascismo no Estado español disfrazado doutras cousas e por iso nace ese disfrace de novo falanxismo de Alberto Primo de Rivera, unha alternativa  creada para que pareza civilizada aínda que sexan os mesmos vestidos doutras peles”. Beiras pediulles aos asistentes que se convertan na infantería cívica que, coa palabra como arma, espallen a necesidade de levar o cambio ás Cortes: “É necesario dar a batalla no Estado porque é o que dita as políticas de exterminio, as que queren roubarnos o idioma e que non saibamos en que falaban os nosos pais. E para iso compren alianzas en pé de igualdade. Sempre  dixemos que os nacionalistas somos internacionalistas e iso faise mediante alianzas para dar a batalla no Estado para botar o Rato e as ratas todas de alí. Esa é a razón de ser de En Marea.”

O encargado de pechar o mitin de En Marea en Monforte de Lemos foi o cabeza de lista da candidatura por Lugo, Miguel Anxo Fernán-Vello. “Acabamos de saber que o goberno español dá por perdidos os 36 mil millóns de euros do rescate á banco e roubaos da caixa de pensión, porque son uns desalmados” arrancou a súa intervención.

“En Marea está aquí para que exista un sistema de seguridade público universal, por unha fiscalidade xusta, solidaria e distributiva, por un traballo digno e unha vida plena, para defender servizos públicos. Estamos aquí en defensa dos nosos recursos e do ben común. E por unha economía produtiva e unha nova política industrial. Para defender o noso” declarou Fernán-Vello. Así, sinalou “En Marea queremos un vento de enerxía renovable porque tamén somos unha marea de enerxía renovable, para a limpeza de todo canto cheire a corrupción”.

O cabeza de lista por Lugo defendeu que En Marea naceu para “sermos unha ferramenta que propicie un cambio na sociedade, para rachar coas vellas políticas, para rachar de vez os vellos xeitos caciquís, para construír colectivamente e crear un futuro digno e de progreso social destinado ás clases populares do noso país”. Responder ás agresións das que é obxecto unha parte moi importante da cidadaníae que como xa se demostrou nas eleccións municipais coas mareas de Santiago, da Coruña e de Ferrol, agora toca levar a marea galega ao congreso e ao senado. “Para mudar as cousas, procurando solucións de carácter público, cooperando e construíndo en común” anunciou Fernán-Vello. “Porque En Marea somos unha forza construtiva, nacionalista e internacionalista, unha forza que ten por norte inequívoco a defensa da nosa identidade, comprometida sempre coa esquerda innovadora, e tamén coa igualdade e a fraternidade” asegurou.

Así mesmo, no seu discurso o número 1 por Lugo destacou o coñecemento que En Marea ten do noso rural, “que demanda aire fresco e novas maneiras de participación e intervención política”. “Apostamos polo enorme capital humano que existe no rural” asegurou e “hai que potenciar a súa capacidade produtiva e todos os servizos que garantan o mantemento da xente na súa terra”.

“Non podemos converter que Galicia se converta nun gran deserto verde. A poboación galega redúcese cada día en 46 persoas. No primeiro semestre deste ano emigraron preto de 12 mil  persoas. Hai que implantar unha igualdade real de servizos sociais e laborais, cunha política social transformadora” salientou Fernán-Vello.

“Hoxe, co país convertido nunha lameira desesperanzada, estamos diante dun momento histórico. Temos que ser a vangarda. A provincia de Lugo ten que formar parte dela. En Marea aspira a formar grupo parlamentario en Madrid. Temos que ter voz propia no Estado español cando todo indica que o bipartidismo fai auga. Por iso teimamos nesta gran fronte ampla, nesta marea que multiplique para mellorar individual e colectivamente as nosas condicións de vida” concluíu o cabeza de lista de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán-Vello. 

PRENSA EN MAREA